Carmela López continuará á fronte do PSdeG de Burela cun equipo renovado e plural

AMariñaXa
A militancia socialista revalidou a súa confianza nun proxecto centrado no compromiso coa veciñanza e no futuro do municipio
Carmela-Lopez-PSOE-Burela-2023
26 Jun 2025

A Agrupación Socialista de Burela celebrou unha asemblea na que se formalizou a renovación da súa Comisión Executiva Municipal. A actual Secretaria Xeral, Carmela López, foi reelixida para continuar liderando o PSdeG a nivel local, á fronte dun equipo que combina traxectoria, compromiso político e unha clara aposta polo desenvolvemento do concello.

A nova executiva está integrada por persoas con diferentes perfís e responsabilidades. Xunto a Carmela López, que renova como Secretaria Xeral, figuran Miguel Otero Soto como Secretario de Organización, Elvira García López como Secretaria de Política Municipal, e nas secretarías tamén estarán Alberto Méndez, Patricia Otero, Pedro Chao e José Luis Rodríguez.

Ao remate da asemblea, López expresou o seu agradecemento á militancia polo apoio recibido e subliñou a unidade e implicación do novo equipo: “Agradezo o respaldo da Agrupación Socialista de Burela nesta reelección. Asumo esta responsabilidade coa mesma determinación coa que levo anos defendendo os principios do socialismo e traballando pola miña vila”, declarou.

A Secretaria Xeral salientou tamén o valor humano das persoas que conforman a nova dirección local: “É un grupo de compañeiras e compañeiros que representan xenerosidade e compromiso cun proxecto colectivo que vai máis alá das siglas. Temos un único obxectivo: mellorar a vida da xente de Burela”.

López concluíu a súa intervención comprometéndose a manter unha liña de traballo baseada na proximidade e na responsabilidade social: “Seguiremos sumando esforzos con humildade, valentía, e co pensamento e o corazón postos onde deben estar: no futuro da nosa vila e na dignidade da nosa veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.16666603088379