Carlos García, da UNED: “Hai que apostar por unha comunicación máis humana, creativa e próxima”

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Carlos García, Brand Manager da UNED de Lugo e codirector de LugoNaturalMente, presume do Galardón Nacional de Boas Prácticas Universitarias polo Consello Social da UNED co que se recoñeceu á UNED de Lugo
Carlos-UNED
8 Dec 2025

Que significa para vostede e para o equipo da UNED de Lugo recibir este Galardón Nacional de Boas Prácticas Universitarias?

É un recoñecemento emocionante e, ao mesmo tempo, unha grande responsabilidade. Este premio avala un traballo colectivo sustentado na coherencia, na planificación estratéxica e na convicción de que a comunicación é unha ferramenta esencial para achegar a universidade á sociedade. Para nós representa a confirmación de que apostar por unha comunicación máis humana, creativa e próxima produce resultados reais.

En que consistiu o proxecto ‘A Comunicación: unha nova ponte cara a Lugo’?

Foi un proceso de transformación integral da estratexia comunicativa da UNED de Lugo. Non nos centramos só nas canles, senón tamén na identidade, no relato e no propósito. O obxectivo era converter a comunicación nunha ponte viva entre a institución, o alumnado e a cidadanía, reforzando a marca UNED como referente educativo, cultural e social na provincia.

Un dos fitos máis destacados foi a campaña ‘A Universidade Que UNE’. Que representa este proxecto?

É a nosa “nena mimada”. É unha campaña que fala de unión, de valores e da transmisión cultural entre xeracións. Inspirada en O Mundo de Onte de Stefan Zweig, busca poñer en valor a educación pública como motor de cohesión social. Conseguimos construír unha mensaxe emocional que conecta co territorio e coa súa xente.

Que impacto tivo esta nova estratexia na comunidade universitaria?

Os datos son claros: un incremento do 10% na matrícula, unha comunidade dixital que supera os 20.000 seguidores, 12 canles coordinadas e máis de 80 pezas audiovisuais ao ano. Ademais, o noso videopodcast LCD, que superou as 80.000 reproducións na súa primeira tempada, consolidou unha posición de referencia para novas experiencias deste tipo na provincia.

Como valora o papel da comunicación na universidade actual?

A comunicación deixou de ser un complemento para converterse nunha auténtica columna vertebral. É a ferramenta que permite transmitir coñecemento, xerar confianza e fomentar o sentimento de pertenza. Nun contexto dixital e en constante cambio, a universidade debe ser clara, accesible e coherente coa súa misión social.

Que retos se marca a curto e medio prazo?

Queremos crear e seguir innovando, explorar novos formatos e continuar fortalecendo a conexión coa provincia de Lugo. Aspiramos a que a UNED de Lugo non sexa só un centro educativo, senón tamén un espazo de encontro, cultura e pensamento crítico. A comunicación debe seguir sendo ese fío invisible que une persoas, ideas e futuro.

⚙ Configurar cookies
0.080549001693726