Carlos Folgueira será o pregoeiro das San Lucas 2025 en Mondoñedo

AMariñaXa
O continuador do legado do ‘Rei das Tartas’ exaltará a identidade que representa a Tarta de Mondoñedo para a cidade e para Galicia
Mondo Carlos Folgueira rei das Tartas 2025
3 Sep 2025

Mondoñedo xa ten pregoeiro para as súas festas grandes. O elixido para dar o pregón das San Lucas 2025 será Carlos Folgueira, herdeiro do inesquecible Rei das Tartas e garante dunha tradición que converteu á Tarta de Mondoñedo nun símbolo recoñecido máis alá das fronteiras galegas.

A cita terá lugar o xoves 16 de outubro, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal Pascual Veiga. Folgueira será o encargado de abrir oficialmente as celebracións cun discurso no que a memoria, a emoción e o orgullo colectivo se mesturarán co sabor inconfundible dun doce que forma parte esencial da historia mindoniense.

“Esta tarta non é só un postre: é memoria, identidade e un anaco de Mondoñedo presente en cada celebración”, lembran dende a organización. Elaborada sempre con dedicación nas pastelerías locais, pasou de xeración en xeración, transmitíndose de mesa en mesa e de familia en familia, ata converterse nun símbolo compartido.

Dentro deste patrimonio gastronómico e sentimental, a familia Folgueira xogou un papel clave. Foi quen de facer que a Tarta de Mondoñedo viaxase polo mundo, levando con ela un pouco da alma da cidade e consolidando a súa fama internacional.

Con este pregón, Mondoñedo renderá homenaxe a unha tradición viva que continúa sendo orgullo para veciños e visitantes.

⚙ Configurar cookies
0.17704796791077