Carlos Folgueira, pregoeiro das San Lucas 2025 en Mondoñedo

AMariñaXa
O mindoniense será o encargado de abrir coa súa voz a edición número 869 das San Lucas, cun pregón cheo de tradición e lembranzas familiares
Mondo Carlos Folgueira rei das Tartas 2025
12 Oct 2025

Por Ana Somoza.

Carlos Folgueira será o encargado de abrir as San Lucas 2025 cun pregón cheo de memoria, tradición e emoción. O mindoniense lembra as súas vivencias arredor da feira e adianta a mensaxe que quere transmitir: gozar da festa e sentir o orgullo de Mondoñedo.

Que sentiu cando lle comunicaron que sería o pregoeiro das San Lucas 2025, unha cita tan emblemática para Mondoñedo?

Sentín un grande orgullo. É certo que é unha responsabilidade importante, e admito que non me sinto moi cómodo falando en público; non teño o carácter que tiña meu pai para iso. Pero intentarei facelo do mellor xeito posible, con respecto á tradición e á xente que espera o pregón.

Esta será a edición número 869 das San Lucas. Que significado ten para vostede formar parte dunha festa con tanta historia?

É un auténtico orgullo. Que todos pensaran en min, tanto partidos políticos como asociacións, é unha ilusión enorme. Para min tamén é unha homenaxe ao labor que realizou meu pai e que eu continúo día a día, mantendo viva a tradición familiar e local.

As San Lucas son festa, feira, encontro social e cultural. Cal é o recordo máis especial que garda desta celebración?

Teño moitas lembranzas da infancia. Gustábame ver os cabalos, pasear pola feira, xantar ou cear o polbo… É unha das festas máis importantes e antigas de Galicia. Tamén recordo que sempre buscábamos un día para xuntarnos todos en familia na feira e comer polbo xuntos. Viñan familiares de fora e quedaban a durmir na casa; era un momento moi entrañable e de unión.

Que mensaxe lle gustaría transmitir á xente co seu pregón?

A mensaxe é que veñan desfrutar de Mondoñedo e das San Lucas. Que, se teñen familia, gocen do momento e vivan esa unión familiar e co pobo. Estes instantes son importantes e hai que valoralos. Veñen persoas de toda Galicia e incluso de Asturias, e agardo que o bo tempo acompañe para que todos poidamos gozar.

A súa familia leva décadas vinculada a outro símbolo de Mondoñedo: a torta. Que peso terá esa herdanza no seu pregón?

Moito. A Tarta de Mondoñedo é un emblema da vila. Meu pai deseñou e creou a famosa torta, que obtivo innumerables recoñecementos. Gustaríame transmitir no pregón toda esa historia, a unión de sabores e a conexión co pobo, porque non é só un doce, é un símbolo que fala da identidade de Mondoñedo.

Se tivese que resumir nun sabor o que significan para vostede as San Lucas, cal sería?

Se fose un sabor, sería o do polbo co aceite, sal e pemento picante. E se fose en palabras: tradición e orgullo de Mondoñedo.

A feira gandeira é o corazón das San Lucas. Como cree que se pode manter vivo ese espírito rural e, ao mesmo tempo, adaptarse aos novos tempos?

Creo que o segredo está en combinar tradición e modernidade. Hai que manter os elementos que fan única a feira: os gando, os produtos locais, as demostracións artesanais e o espírito de encontro social. Ao mesmo tempo, é importante innovar, por exemplo, incorporando actividades para novas xeracións, mellorando a organización e aproveitando as novas tecnoloxías para dar a coñecer o que facemos fóra de Mondoñedo. Deste xeito, mantemos viva a esencia rural sen perder conexión coa realidade actual e co público máis novo.

Moitos din que a Tarta de Mondoñedo é máis que un doce. Como a definiría vostede en poucas palabras?

En poucas palabras resulta complicado. É un produto moi antigo, baseado en receitas medievais, que meu pai soubo impulsar para que chegase máis aló do noso pobo. Está feita con tres ingredientes fundamentais: améndoas, biscoitos e cabelo de anxo. Non hai nada igual en Galicia; o seu sabor é auténtico e orixinal, un verdadeiro tesouro culinario local.

A Tarta de Mondoñedo pódese atopar en moitos sitios. Algún en especial?

Todos os nosos locais teñen un encanto especial, e moita xente que pasou por eles recorda a torta con agarimo. Pero para min, o máis especial é o local do centro, na esquina da rúa Bispo Sarmiento e Guevara, a primeira tenda e obradoiro. Alí nacía todo, e aínda que trasladamos o obradoiro ao local de Pedrido, segue sendo un punto de lembranzas. Hai familias que viñan de nenos fai 30 ou 40 anos e agora veñen cos seus fillos; iso dáme moita satisfacción.

PROGRAMACIÓN SAN LUCAS 2025

 

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.08105206489563