Carbarcos celebra a terceira Festa do Cocido de Porco Celta o 15 de febreiro

AMariñaXa
A cita gastronómica incluirá un cocido tradicional elaborado con ingredientes de proximidade
Festa-cocido-cabarcos-barreiros-2025
10 Feb 2025

O núcleo de Carbarcos, en Barreiros, acollerá o vindeiro sábado 15 de febreiro a terceira edición da Festa do Cocido de Porco Celta, organizada pola comisión de festas da localidade. O evento desenvolverase baixo unha carpa no campo da festa, onde os asistentes poderán gozar dun cocido preparado con carne de Porco Celta, acompañado de verduras de produtores locais.

Ademais do xantar, a xornada contará con postos de venda de produtos con certificación de calidade, como o selo 100% Raza Autóctona Porco Celta, as Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Grelos de Galicia e Mel de Galicia, así como as Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) de queixos do Cebreiro e Arzúa-Ulloa. Os asistentes tamén poderán degustar viños da DOP Ribeira Sacra, que acompañarán o menú da festa.

A iniciativa busca reforzar os lazos veciñais e poñer en valor os produtos gastronómicos galegos, promovendo o consumo de alimentos de proximidade e de alta calidade. A organización anima á veciñanza e visitantes a participar nesta xornada festiva, que pretende consolidarse como unha cita imprescindible no calendario gastronómico da comarca.

0.096376895904541