Carballido énchese de vida coa festa grande do Trece, con andaina, xantar e música

AMariñaXa
A cita, organizada pola AVSS, combina natureza, gastronomía e música en directo para todas as idades
I-andaina-xantar-Carballido-Alfoz-2025
Foto recurso
23 Apr 2025

O vindeiro sábado 17 de maio, a parroquia de Carballido  en Alfoz, converterase nun punto de encontro para veciñanza e visitantes coa celebración da I Andaina e Xantar Popular do Trece, organizada pola Asociación de Veciños San Sebastián de Carballido (AVSS), coa colaboración do Concello de Alfoz.

A xornada comezará ás 11:00 horas cunha andaina de dificultade baixa, con saída e chegada no Lugar do Trece. Ás 14:00 horas, a sesión vermú poñerá a nota musical co dúo A Mi Manera Music & Karaoke, que tamén ofrecerá karaoke aberto para quen desexe participar.

O xantar popular, cuberto con carpa, comezará ás 15:00 h, cun menú que inclúe entrantes, lacón de porco celta asado en forno de leña, sobremesa, café, chupo e bebidas. Todo iso a un prezo de 20 euros para maiores de 10 anos, 10 euros para nenas e nenos de entre 5 e 9 anos, e de balde para menores de 4.

A partir das 16:30 horas, o ambiente continuarase coa actuación en directo de Mario Botella, cantautor que traerá versións de clásicos do pop e rock dos 80 e 90, seguido novamente polo karaoke participativo.

As entradas poden adquirirse na Panadería La Concepción ou a través de calquera membro da directiva da asociación, cunha data límite marcada no 12 de maio e aforo limitado. Non é preciso participar na andaina para poder asistir ao xantar.

⚙ Configurar cookies
0.16293096542358