Carballido celebra en xaneiro as festas de San Sebastián cunha nova localización e dous días de música e verbena

AMariñaXa
As celebracións terán lugar os días 17 e 18 de xaneiro de 2026 en Alfoz, cun programa que inclúe sesións vermú, verbena nocturna e actos relixiosos
fogos-artificiais-festas-patronais
Foto recurso
25 Dec 2025

Carballido, no concello de Alfoz, xa quenta motores para as festas na honra de San Sebastián, que se celebrarán os días 17 e 18 de xaneiro de 2026 cun programa cheo de música, baile e ambiente festivo. A cita contará este ano cunha novidade destacada: o cambio de localización das celebracións, que se trasladan á explanada asfaltada do antigo serradoiro de Xaque.

A decisión permitirá instalar unha carpa de maiores dimensións, completamente climatizada e sen os problemas habituais de lama en caso de choiva, mellorando así a comodidade do público asistente. A organización corre a cargo da Asociación de Veciños San Sebastián de Carballido, que aposta por consolidar estas festas como unha referencia na zona.

A programación arrancará o sábado 17 de xaneiro cunha sesión vermú animada polo Dúo Belinda, un dos grupos máis queridos polo público local, que volverá poñer música e bo ambiente desde primeiras horas. Durante esta sesión haberá tapas de callos para acompañar as consumicións. Xa pola noite, a verbena contará coa actuación do Grupo Assia, formación destacada da verbena asturiana que ofrecerá música en directo e un espectáculo pouco habitual nesta comarca. A festa completarase coa sesión do DJ Pablo Conxuro, habitual nas celebracións de Carballido e encargado de prolongar o baile ata ben entrada a noite.

O domingo 18 de xaneiro estará dedicado aos actos tradicionais, con misa e procesión na honra de San Sebastián. A continuación, celebrarase unha macro sesión vermú de fin de festa, de novo co Dúo Belinda, que ofrecerá un repertorio variado e animado para despedir as festas “como manda a tradición”. A organización prevé alongar esta última xornada para todos aqueles que queiran aproveitar ata o último momento, repartindo de novo tapas de callos para acompañar as consumicións.

⚙ Configurar cookies
0.083991050720215