Capitán Mareas bota a andar en Burela para achegar o mar aos escolares

A lonxa de Burela foi o punto de partida do proxecto educativo Capitán Mareas, unha iniciativa destinada a achegar aos escolares galegos e asturianos ao mundo da pesca e aos beneficios dunha dieta saudable baseada en produtos do mar. O conselleiro Alfonso Villares participou no primeiro dos obradoiros, que contou coa presenza de 25 alumnos de sexto de primaria do CEIP de Cervo.
Durante a xornada, os escolares tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento da lonxa, escoitar os testemuños do patrón maior e das mariscadoras locais, e descubrir as artes de pesca tradicionais, así como os produtos mariños máis característicos segundo a época do ano. O obxectivo: aprender a valorar o traballo do sector e incorporar o peixe e o marisco ás súas rutinas alimentarias.
Villares agradeceu o compromiso de entidades privadas como Vegalsa-Eroski coa promoción dos produtos das rías galegas, que destacan polo seu alto valor nutritivo e polo seu papel clave na saúde. “Cómpre sementar esta conciencia dende pequenos, tanto nas escolas como nas casas e na sociedade en xeral”, indicou o conselleiro, quen fixo un chamamento á colaboración de todas as partes para seguir poñendo en valor a actividade pesqueira e os seus profesionais.
A iniciativa contempla a realización de dez obradoiros formativos en distintas lonxas de Galicia e Asturias —entre elas, Ribeira, Fisterra, Laxe ou Puerto de Vega— ata finais de maio. O alumnado participante aprenderá tamén a deseñar menús semanais equilibrados a partir dos produtos da súa contorna e elaborará receitas saudables guiado polos chefs galegos Lolo Mosteiro e Paula Martínez, do restaurante A Artesa da Moza Crecha.
Capitán Mareas conta co apoio dos GALP da Mariña-Ortegal, Costa da Morte, Ártabro Norte, entre outros, así como das confrarías de pescadores implicadas e da Dirección Xeral de Pesca Marítima do Principado de Asturias. Con esta proposta, Vegalsa-Eroski reforza o seu compromiso coa educación nutricional dos máis pequenos, en liña co labor que leva desenvolvendo con outras campañas como Visita o teu súper ou Mates no teu súper, nas que xa participaron máis de 22.000 escolares.