Cantos de Taberna, xogos populares e obradoiros: así é o programa da VIII Foliada de Cervo
Cervo xa ten o cartel completo da VIII Foliada e Feira de Artesanía e Alimentación, que celebrarán o vindeiro 4 de maio na praza do Souto. A xornada comezará ás 11.30 cun obradoiro de xoguetes musicais da man de Pablo Pintor. Seguiralle a presentación A Gaita na Terra de Melide con Suso Ascariz.
Os Cantos de Taberna comezarán ás 12.00 horas e rematarán ás 14.00 horas e contará coa participación de A Rebolaxe, Amiguinhas Foliadeiras, Arume e Ledicia, entre outros. Os asistentes poderán gozar da sesión vermú con Charanga Alxibeira. O programa continúa pola tarde, a partir das 16.00 horas, cun obradoiro con Branca Villares.
Logo organizaranse xogos populares con Xotramu e unha foliada a partir das 18.30 horas. Faíscas da Pontraga actuará a partir das 22.00 horas. A foliada libre e a queimada serán o broche de ouro da celebración, na que haberá sorteos e comida e bebida a prezos populares. A cita está organizada por Acr Fervenza de Sargadelos, Fol do Raxal, o Concello de Cervo a Deputación e Marmeladas A Morena.