Cangas de Foz prepárase para a XI Feira de Gando cun programa cheo de tradición e animación

Foz
AMariñaXa
A cita, que terá lugar o domingo 17 de agosto na área recreativa dos Castros, combinará exposición de gando, mercado tradicional, concursos e paseos a cabalo
Foz-XI-Feira-de-gando-de-Cangas-2025
16 Aug 2025

A parroquia de Cangas, en Foz, volverá vivir este domingo 17 de agosto unha das súas citas máis emblemáticas co mundo rural: a XI Feira de Gando. O evento, que se celebrará na área recreativa dos Castros, conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a organización dos Cabaleiros de Cangas, en coordinación coa comunidade de montes e colectivos culturais e veciñais da zona.

Esta feira, recuperada hai once anos para manter vivo o espírito das antigas feiras que se celebraban cada terceiro domingo de agosto, volverá reunir a gandeiros, amantes dos animais e visitantes, cunha programación que mestura tradición, exhibicións e actividades lúdicas.

Pola mañá, as persoas que se acheguen poderán gozar de paseos gratuítos a cabalo, unha proposta pensada tanto para público infantil como adulto. Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, terá lugar o concurso de andadura chapeada e serrada, que inclúe unha categoría sub-16 para as novas amazonas e xinetes que queiran amosar as súas habilidades.

O deputado de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, destacou a relevancia da iniciativa e puxo en valor que “sexan persoas mozas, convencidas do potencial do rural e decididas a evitar o seu esmorecemento, as que estean á fronte da feira”. Tamén subliñou o apoio da Deputación a este tipo de eventos “que, ademais de dinamizar a venda de gando, recoñecen e visibilizan o labor dos gandeiros e gandeiras, cuxo traballo resulta esencial para o coidado dos montes durante todo o ano”.

A xornada completarase cun mercado tradicional, animación musical e postos de comida, facendo da feira unha oportunidade perfecta para combinar lecer, cultura e gastronomía nun entorno natural.

⚙ Configurar cookies
0.162034034729