Canedo prepárase para tres días de festa na honra da Nosa Señora da O

O barrio de Canedo, no concello de Lourenzá, vivirá os vindeiros 16, 17 e 18 de maio unha fin de semana chea de celebracións con motivo das festas na honra da Nosa Señora da “O”. Trátase dunha das citas máis esperadas do ano na zona, que reúne veciñanza e visitantes arredor da música, a tradición e a boa mesa.
A programación comezará o venres 16, cunha gran polbada e churrascada organizada polo cátering "Suso" a partir das 21:00 horas. A continuación, terá lugar a primeira gran verbena, coa actuación das orquestras Los Satélites e Marbella, que serán as encargadas de dar a saída ao ambiente festivo.
O sábado 17, a xornada arrincará coa misa solemne ás 13:30 h, seguida de procesión e sesión vermú amenizada pola orquestra Miramar. Pola noite, a festa continuará coa verbena que contará coa dobre actuación das orquestras Miramar e Acordes, a partir das 23:00 h.
Para pechar a fin de semana, o domingo 18 repetirase a fórmula da misa solemne, procesión e sesión vermú, novamente con música en directo da orquestra Acordes, que tamén será a encargada de poñer o broche de ouro a tres días de celebración.
A organización anuncia que o evento contará con carpa e amplos aparcadoiros, garantindo así comodidade para todas as persoas asistentes. Como reza o lema das festas: “Nas festas de Canedo tes que estar, si da vida queres desfrutar”.