Candia valora a proposta de crear aldeas modelo para evitar o risco de incendios
A presidenta provincial do PP, Elena Candia, valorou “moi positivamente” a iniciativa da Consellería do Medio Rural de crear aldeas modelo para facer fronte aos incendios forestais e crear actividade agrogandeira arredor dos núcleos de poboación. Foi no marco da reunión da Xunta Directiva Provincial, na que se contou coa intervención do conselleiro de Medio Rural, José González, quen explicou pormenorizadamente este proxecto aos alcaldes e voceiros, así como ao resto de asistentes e cargos orgánicos que asistiron á xuntanza.
Elena Candia considera que se trata dunha medida “acertada e que pode ter un bo resultado na nosa provincia, debido ao importante volume de masa forestal que temos e ao peso que ten o sector agrogandeiro en todo o territorio”. Nestes momentos, segundo puxo en valor o titular de Medio Rural, arredor de 30 concellos xa amosaron o seu interese en converter algún núcleo de poboación en aldeas modelo. Tanto Elena Candia como González convidaron aos municipios de Lugo a sumarse a esta iniciativa.
Unha vez aceptada a solicitude e obtida a autorización do 70% dos propietarios, a Xunta de Galicia inicia os traballos de limpeza e desbroce para a posta en produción das terras, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, etc. Precisamente, José González indicou que Medio Rural compatibiliza este labor de prevención “para facer máis resilientes as aldeas fronte o lume” cos traballos de vixilancia e extinción.
O responsable do departamento autonómico lembrou que o gran marco que alberga a figura das aldeas modelo é o convenio de protección das aldeas, acordado entre a Xunta, Seaga e a Fegamp. Neste sentido, José González lembrou que o compromiso da Xunta adquirido a través deste convenio, é que todos os terreos incluídos en faixas secundarias de parroquias priorizadas estean limpos este ano. Isto significaría, explicou, que naquelas parcelas nas que os propietarios non se teñan adherido ao convenio ou cumprido coa súa obriga de limpar os seus predios, executarase a limpeza de xeito subsidiario. Polo tanto, remarcou, a Xunta vai limpar as 4.500 hectáreas comprometidas pertencentes ás faixas secundarias das 70 parroquias priorizadas de 35 concellos.
O fin último de todas estas actuacións, segundo trasladou José González, é fomentar unha axeitada ordenación do territorio, para reforzar a súa defensa fronte os incendios e, ao tempo, crear tamén nel actividade agrogandeira e darlle así valor engadido “para fixar poboación e construír así o rural do futuro”.