Camiñantes e Camiños de Barreiros remata a súa peregrinación a Santiago
A asociación Camiñantes e Camiños, de Barreiros, rematou a súa peregrinación a Santiago por etapas semanais a través do Camiño de Inverno. O presidente do colectivo, José Manuel Gómez Puente, explica que “ao fin 55 peregrinos fixemos a última etapa do Camiño de Inverno, treito curto de 8 quilómetros, pero intenso en emocións porque chegamos ao momento desexado de abrazar ao Apóstolo Santiago”.
Gómez Puente lembrou que “o 10 de xuño do ano 2023 comezamos o Camiño do Inverno en Las Médulas, enclave patrimonio da humanidade que se encontra a 230 quilómetros de Santiago e despois de 11 etapas o sábado pasado chegamos a Santiago de Compostela”. Polo tanto, obxectivo conseguido. “Outro ano máis é xa son 20 anos, foi polo ano 2004 cando iniciamos esta aventura máxica”.
O presidente de Camiñantes e Camiños sinala que “cada ano realizamos un Camiño de Santiago distinto e é moi recomendable” e anima a “persoas que se encontren soas ou con problemas a que o fagan, a que nos acompañen porque o camiño é unha experiencia única e hai que vivila”. Tivo palabras de agradecemento para todos os participantes nesta peregrinación a través do Camiño de Inverno a aos que o fixeron ao longo dos 20 anos desta aventura. “Grazas a todas as persoas que durante este ano e os 20 anos anteriores convivimos en harmonía como se foramos una familia”.