Camiña recibe apoio europeo para impulsar actividades inclusivas vinculadas ao mar

AMariñaXa
A entidade organizará saídas, obradoiros e experiencias en contacto directo co sector pesqueiro e coa cultura mariñeira da Mariña
camina-burela-trabajadoras
19 Aug 2025

A asociación Camiña vén de lograr unha axuda no marco das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) e financiadas polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021-2027. Grazas a esta concesión, a entidade poderá activar un programa de actividades ao aire libre pensado para persoas con diversidade, cun enfoque centrado na inclusión social, a aprendizaxe sobre o medio e o achegamento á realidade marítima da comarca.

O proxecto contempla accións variadas, desde saídas de descubrimento mariñeiro ata encontros con profesionais do mar, ademais de experiencias participativas que achegan á cidadanía, dun xeito accesible, a riqueza e a tradición ligadas ao mundo mariñeiro.

De xeito máis inmediato, para este mes de agosto están xa confirmadas varias propostas. O xoves 21 terá lugar unha xornada de coñecemento do oficio das redeiras en Burela, que incluirá tamén unha visita á Confraría de Pescadores para descubrir de primeira man o labor que se desenvolve neste ámbito. Ademais, os venres 22 e 29 haberá sesións de surf inclusivo en colaboración co Burela Surf Club, unha actividade que permite gozar do mar eliminando barreiras.

Con esta iniciativa, Camiña reforza a súa aposta por un ocio inclusivo, accesible e conectado co territorio, ao tempo que contribúe a poñer en valor a cultura pesqueira e mariñeira da Mariña Lucense.

⚙ Configurar cookies
0.1888599395752