Calros Solla presentará o libro Crónica da Galiza Bizarra en Mondoñedo
O próximo sábado 12 de marzo ás 12.30 horas terá lugar a presentación do libro Crónica da Galiza Bizarra de Calros Solla, será no salón de Plenos da casa do Concello e contará coa presenza do autor da obra; do editor, Moisés Barcia e do escritor Xe Freyre.
Crónica da Galiza bizarra reúne, ao longo de 120 anos, 125 microhistorias de rara caste, misteriosas e sorprendentes, fabulosas e extraordinarias en sentido amplo; aparecidas na frutuosa prensa galega de aquén e alén mar, upadas na peaña da primeira plana ou desapercibidas nun recuncho da páxina par.
Neste volume ordénanse, dende o ano 1848 até o ano 1968, unha centena longa de textos xornalísticos, devindos por decantación en relatos breves; contos cativos hibridados de impactante veracidade, arroubadora mitoloxía e final aberto; o suceso elevado ao expoñente do prodixio.