Rúas ben musicadas

AMariñaXa
Un recuncho de reflexións sobre o infinito universo da cultura
foto-artigo-Rebeca-febreiro-2025
7 Feb 2025

Por Rebeca Maseda

O 21 de marzo de 1994, Bruce Springsteen subiu ao escenario do Pavillón Dorothy Chandler de Los Ángeles durante a 66ª edición dos premios Óscar, deixando a moitos espectadores sorprendidos. Antes mesmo de comezar a cantar, a súa soa presenza xa transmitía algo diferente. Non era o habitual Springsteen enérxico, movéndose coa intensidade do seu característico rock. Nin sequera levaba a súa icónica guitarra. No seu lugar, apareceu vestido cun elegante traxe escuro, cunha expresión serena e reflexiva. Aos seus 44 anos, e a pesar de lucir unha perilla ao estilo “grunge”, mostrábase contido. Durante os primeiros 30 segundos da súa interpretación, permaneceu inmóbil, case como unha estatua, nun escenario minimalista cunha iluminación tenue.

Ao longo da historia dos Óscar, nos que o cinema e a música converxeron en innumerables momentos memorables, houbo actuacións que deixaron pegada. Pero aquela noite en particular déronse todos os ingredientes para que a interpretación de Springsteen quedase gravada na memoria colectiva: unha posta en escena inesperada, un artista de renome, unha interpretación cargada de emoción e unha canción cunha mensaxe poderosa. O tema en cuestión era Streets of Philadelphia, composto para a banda sonora de “Philadelphia”, a película de Jonathan Demme protagonizada por Tom Hanks e Denzel Washington, que abordaba o impacto da sida na sociedade.

A canción, que acompañaba os créditos iniciais do filme, contribuía a mergullar ao espectador na atmosfera de angustia e melancolía que a historia esixía. Tratábase dunha peza estraña dentro do repertorio de Springsteen: cunha instrumentación austera baseada nun sinxelo loop de batería e un sutil fondo de teclados, apenas acompañados por uns coros masculinos discretos. O videoclip reforzaba esa sensación de desolación, mostrando a un Springsteen desaliñado percorrendo as rúas máis deterioradas de Filadelfia. A diferenza doutros videoclips de bandas sonoras, apenas aparecían fragmentos da película, salvo un par de planos dun Tom Hanks con xesto preocupado. A canción, polo tanto, non se percibía como unha simple achega á banda sonora, senón como unha peza fundamental na traxectoria de The Boss.

Curiosamente, foi Antonio Banderas quen presentou a actuación de Springsteen naquela cerimonia, nunha edición con marcado acento español, xa que Fernando Trueba gañou o Óscar á mellor película de fala non inglesa por “Belle Époque”. Trala emotiva interpretación, Whitney Houston foi a encargada de abrir o sobre co gañador á mellor canción orixinal, revelando que o premio recaía en Streets of Philadelphia.

Springsteen, coa súa característica humildade, subiu ao escenario para recoller a figura e mofándose dixo: “É a primeira canción que escribo para unha película, así que supoño que a partir de agora todo irá como a seda”. O seu tema superara a nomeados da talla de Neil Young (quen tamén compuxo unha canción para Philadelphia), Janet Jackson, James Ingram e Harry Connick Jr., pouca broma...

O recoñecemento a Streets of Philadelphia non se detivo aí. Ese mesmo ano gañou o Globo de Ouro e o premio MTV ao mellor videoclip, e nos Grammy do ano seguinte alzouse con catro galardóns. Con todo, e a pesar do seu éxito crítico, en Estados Unidos a canción non logrou superar o noveno posto nas listas de vendas, aínda que en Europa tivo un maior impacto, alcanzando o número un en varios países e o segundo posto en Reino Unido. Co tempo, converteuse nun clásico imprescindible na carreira de Springsteen, quen seguiu explorando o mundo do cinema con composicións como Dead Man Walking para a película homónima de Tim Robbins.

Curiosamente e malia a enorme repercusión que tivo no seu momento, Streets of Philadelphia é unha das cancións que menos interpreta en directo, quen sabe, mesmo despois de tantos anos quizais segue sendo demasiado conmovedora. É obvio que a versión orixinal de Springsteen é marabillosa, pero non podo rematar este artigo sen recomendarvos o arranxo que fixo o Cuarteto Ébène deste icónico tema, pura fantasía...

0.17723202705383