Cajoto seguirá ao mando de Foz
O PSOE seguirá á fronte con 7 concelleiros malia que podería estar unido ao BNG de Francisco Fanego, que conseguiu 4 edís, ou gobernar en minoría.
Foz volve ser socialista outra lexislatura máis encabezada polo enxeñeiro Fran Cajoto. Os resultados dos comicios en Foz deixan claro que a veciñanza quere que os socialistas encabecen o concello que poderían gobernar en minoría ou reeditar o bipartito co BNG que se creou hai catro anos.
O socialista conseguiu manter os seus 7 edís fronte aos 6 do Partido Popular de Jorge Castiñeira e os 4 do BNG de Francisco Fanego, que suma un concelleiro ao facerse co dos independientes Foz Plataforma de Futuro do 2019.
Cajoto amosouse “inmensamente agradecido polo apoio da veciñanza pois con el o partido socialista volveu gañar as eleccións”. Así mesmo, dixo que isto se consegue con “traballo, esforzo e humildade”.
“Estamos moi contentos porque os veciños depositaron a súa confianza en nós e polo tanto volvemos ser a forza máis votada”, engadiu. “Agora estamos nun proceso de análise para ver se gobernamos en minoría ou definimos unha nova coalición.Temos que valorar que é o mellor para Foz”, finalizou.
Pola súa banda, o candidato do PP, Javier Castiñeira, conseguiu manter tamén os seus edís, o que fará que sexa unha oposición moi forte.
A valoración do Partido Popular sobre este proceso electoral é positiva coa campaña que se fixo “respecto ao traballo especialmente e á participación que demos á cidadanía pois serviranos para encamiñar a lexislatura sabendo as necesidades iniciais que ten o pobo”, dixo Castiñeira. “Eu creo que o Partido Popular fixo unha boa oposición e afrontamos con moita ilusión estes catro anos e estaremos onde os cidadáns nos puxeron e tentando facelo o mellor posible cun bo equipo de concelleiros e dende logo que ilusionados para que Foz mellore”.
Así mesmo, o candidato do BNG quixo “dar as grazas a todos os que depositastes a vosa confianza na equipa do BNG Foz, fostes 423 persoas máis nestas eleccións, as que apostastes por nós, e grazas a iso acadamos un concelleiro máis”, e engadiu que ”o noso compromiso está aí para darlle unha continuidade ao comezado no 2019 e que estamos aquí para seguir axudando a transformar a vila”.
CONCELLEIROS ELECTOS
- Francisco Cajoto Caserio PSOE
- Inés López Couto PSOE
- Ángel Fernández Neira PSOE
- Ana Matea Rojo Eijo PSOE
- José María Linares Rodríguez PSOE
- Elena Martínez Peña PSOE
- Carlos García Rodríguez PSOE
- Javier Jorge Castiñeira PP
- María Mercedes Rodríguez PP
- Laura Riveira Balseiro PP
- Verónica Soto Piñeiroa PP
- José Antonio Hermida Fernández PP
- José Ángel Paleo Soto PP
- Francisco Javier Fanego BNG
- Simeón Neira López BNG
- Benito García Bolaño BNG
- Zoraida Coira Vázquez BNG