Cajoto responde ás acusacións do PP e destaca a importancia do investimento na auga

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, respondeu ás recentes críticas do Partido Popular sobre o proceso de licitación do ciclo integral da auga, asegurando que non existe ningún tipo de oscurantismo e que o expediente se está a xestionar con absoluta seriedade.
Segundo indicou, trátase do contrato máis relevante que nunca tivo Foz, xa que permitirá renovar as plantas potabilizadoras e as redes de distribución en fibrocemento que presentan incidencias, así como investir anualmente cantidades importantes para mellorar tanto o abastecemento como a rede de saneamento do municipio. “Calquera dúbida que teña o voceiro do Partido Popular, pode chamarme directamente a min ou consultar cos Servizos Técnicos”, subliñou Cajoto, engadindo que a Comisión de Seguimento se convocará unha vez finalicen todos os trámites da mesa de contratación.
O rexedor destacou que xa se celebraron cinco mesas de contratación entre xuño e o pasado 3 de outubro, e que será tras concluír estes actos cando se presentará a proposta de adxudicación aos membros da corporación, para ser elevada ao Pleno e iniciar as inversións necesarias. “Hai que deixar traballar con tranquilidade aos técnicos. As empresas tamén teñen dereitos, e toda a documentación requirida é contestada pola mesa en tempo e forma”, explicou.
Cajoto tamén incidiu en que algunhas das críticas do PP poden estar motivadas por cuestións meramente demagóxicas. Segundo o alcalde, nos últimos meses pasouse un concepto do saneamento correspondente a dous bimestres, o que provocou facturas máis altas de forma temporal. “Non é unha suba da auga, a seguinte factura será máis baixa. É importante non confundir á cidadanía”, advertiu.
O alcalde lembrou que este contrato permitirá mellorar a calidade do servizo, garantir un funcionamento eficiente das infraestruturas e asegurar un abastecemento seguro para todas as veciñas e veciños. “O que queren é un servizo de calidade que funcione ben, e para iso estas inversións son imprescindibles”, concluíu.