Cajoto pide unha reunión a Feijoo sobre o emprazamento de Altri na Mariña

AMariñaXa
O presidente da Mancomunidade e alcalde de Foz dirixiu unha solicitude de reunión sobre Altri a Feijoo ante o silencio de Conde.
fran cajoto foz mancomunidade fitur
30 Xan 2022

O presidente da Mancomunidade da Mariña e alcalde de Foz, Fran Cajoto, dirixiu unha solicitude de reunión sobre Altri a Feijoo ante o silencio de Conde.

Cajoto sinala que “o 18 de novembro do pasado ano remitimos unha carta ao vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, solicitando unha reunión cunha representación de alcaldes da Mariña para traballar conxuntamente e que a factoría de fibra téxtil de Altri se estableza na Mariña. Dous meses e 10 días despois seguimos sen ningún tipo de resposta. É por iso que este xoves reiteramos a solicitude, ao vicepresidente Conde e ao presidente Feijoo. A Mariña non se pode pode permitir perder esta oportunidade, merecemos unha explicación”.

O presidente da Mancomunidade manifesta que “non imos parar no noso empeño, creemos sinceramente que a única saída para a grave crise industrial da comarca é un compromiso firme de todas as administracións, de todos os partidos. Ninguén na Mariña entendería que unha factoría que utiliza como materia prima o eucalipto non se estableza aquí, especialmente coa grave crise industrial que estamos a padecer. Somos principais produtores de eucalipto, non nos podemos quedar só coas migallas, hai que darlle valor engadido. Optar por outras alternativas, que requiren de transporte cando o eucalipto está aquí, sería un auténtico disparate”.
Fran Cajoto subliña que “seguimos co traballo construtivo, o obxectivo é colaborar e superar calquera atranco administrativo para implantar a fábrica de fibra téxtil de Altri na nosa comarca, buscando a mellor situación para a factoría. E aínda non recibimos resposta. Por iso non entendo este silencio: parece como se non importaramos, como se só se lle dera importancia ao ruído e ao conflito, non á solución”.

Para o presidente da Mancomunidade e alcalde de Foz “é a Xunta a que lidera o consorcio Impulsa Galicia responsable do proxecto, que conta con Fondos Next Generation. Esperemos que desta volta si, se nos convoque, e podamos buscar a mellor ubicación para Altri na nosa comarca”.

Fran Cajoto explica que “todas as alcaldesas e alcaldes da Mariña –todos, de calquera partido político- están moi implicados co futuro industrial da comarca. No caso de Alcoa estamos a presionar á multinacional, á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado para que cumpran os seus compromisos. O 30 de decembro do pasado ano alcaldesas, alcaldes e concelleiros do PSOE da Mariña mantiñamos unha xuntanza coa ministra de Industria, Reyes Maroto, en Santiago. Pedímoslle esforzo, seguimento e compromiso para que o acordo se cumpra e se reactiven as cubas. A resposta foi positiva e certificaranse de forma continua os avances, as datas: se nos deixamos ir o futuro da fábrica vaise ver comprometido. Non vou confrontar con ninguén aínda que se nos falte ao respecto, sexa tenente de alcalde ou calquera outro cargo. Nesto estamos todos e o que queira usar a fábrica como arma para obter rédito político equivócase de inicio a fin e demostra que lle importa ben pouco toda unha comarca”.

0.18184995651245