Cajoto pide garantías de que non pechará o centro de saúde de Foz os sábados

Foz
AMariñaXa
O alcalde focense mantén que "xa é hora de que Foz conte cun PAC (Punto de Atención Continuada)"
Centro-saude_foz
10 Apr 2026

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantén a súa preocupación pola situación na que quedará o centro de saúde focego despois da conversa mantida co xerente da área sanitaria, Ramón Ares.

“Ante as contradicións das informacións trasladadas polo Sergas este mércores e xoves”, o alcalde explica: “este xoves mantiven unha conversa telefónica co xerente da área sanitaria, Ramón Ares. Trasladoume que non pode garantir a apertura dos sábados, xa que a partir da aprobación do novo decreto -do cal descoñecemos o contido- o servizo dependerá da voluntariedade dos médicos, xa que a atención do sábado pola mañá está fóra das horas obrigatorias que teñen que cubrir. O xerente trasladoume que se prevé que o servizo de urxencias dos sábados pola mañá continúe pero non o pode garantir, xa que o Sergas unicamente asegura as urxencias nos PAC e Foz queda fóra desa garantía”.

Fran Cajoto considera que “xería indecente que un veciño acuda cunha urxencia o sábado pola mañá e encontre o centro de saúde de Foz pechado. Estamos a falar dunha urxencia. Creo que xa é hora de que Foz conte cun PAC (Punto de Atención Continuada) e así llo trasladei ao xerente: por poboación é inaudito que non dispoñamos deste servizo. Aseguraríamos as urxencias e recuperaríamos as gardas nocturnas nas farmacias: non se entende que o segundo Concello por poboación da Mariña e o sexto da provincia continúe sufrindo este agravio. Elevarei ao pleno municipal esta demanda: agardamos contar co apoio dos outros dous partidos da corporación e poderemos ver se o Partido Popular de Foz vai quedar calado ante este novo recorte da Xunta á sanidade en Foz ou vai a estar ao lado das veciñas e veciños e aportar algo positivo por unha vez”.

0.11617207527161