Cajoto acusa a Castiñeira de irresponsable por usar a seguridade como arma política

Foz
AMariñaXa
O alcalde de Foz lembra episodios pasados e reclama “tranquilidade e respecto” cara ao traballo das forzas de orde
residencia-foz-alcalde-cajoto
20 May 2025

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, saíu ao paso das recentes críticas do voceiro do Partido Popular, Javier Castiñeira, sobre a situación da seguridade cidadá no municipio. Nun comunicado contundente, o rexedor pide ao líder da oposición “un mínimo de decencia” e que “deixe de tentar inflamar o pobo” con discursos alarmistas.

Cajoto reprocha a Castiñeira que “xa non se acorde” do ocorrido no verán de 2016, cando, sendo alcalde, “acusou publicamente, sen probas, a varias persoas tras unha pelexa nas festas do Carme en San Martiño e esixiu intervencións inmediatas da Garda Civil”. O alcalde considera que o actual voceiro popular actúa con hipocrisía e lembra que “a mesma estratexia xa a empregou nos episodios dos okupas en 2021, nas críticas á carpa do Entroido ou nas obras de mellora urbana”.

Desde o goberno local aseguran estar a traballar “con discreción e responsabilidade” ante os incidentes que están xurdindo nas últimas semanas. Cajoto confirma que xa están en contacto coa Garda Civil e que se manterán todas as reunións necesarias para garantir a seguridade na vila: “En febreiro fixemos unha Xunta de Seguridade e esta semana temos unha nova xuntanza programada cos corpos de seguridade. Seguiremos reforzando a colaboración institucional”, sinalou.

O rexedor insiste en que calquera conflito debe ser trasladado ás autoridades competentes, e fai un chamamento á calma: “Non é o momento de xerar alarma, senón de confiar nos profesionais e permitir que fagan o seu traballo”.

Cajoto critica duramente a actitude do PP e considera “nefasta” a oposición que está a exercer Castiñeira: “Unha persoa que foi alcalde non pode xogar co nerviosismo dos seus veciños. Isto é dunha irresponsabilidade absoluta, impropia de quen debería coñecer os límites entre facer oposición e poñer en risco a convivencia”.

⚙ Configurar cookies
0.14963698387146