Caixa Rural Galega ampliará a súa presenza en Viveiro cunha nova oficina

Caixa Rural Galega continúa a súa aposta pola atención próxima e de calidade coa apertura dunha nova oficina en Viveiro, prevista para a vindeira semana. As novas instalacións estarán situadas na Travesía da Mariña, na esquina coa Rúa Vicente Cociña, nunha zona céntrica e de fácil acceso para a veciñanza.
A entidade financeira destaca que esta inauguración representa un paso máis no seu compromiso co territorio e coa proximidade ao cliente, especialmente nun momento no que moitas entidades bancarias están a pechar sucursais, sobre todo en áreas rurais.
O acto oficial de apertura terá lugar o luns 27 ás 19.30 horas e contará coa presenza do presidente da entidade, así como doutras personalidades do ámbito económico e institucional. Durante a inauguración, Caixa Rural Galega reafirmará o seu compromiso de seguir ofrecendo servizos financeiros de confianza e apoio ás familias e empresas da comarca.