Caixa Rural Galega abre unha nova oficina en Viveiro e reforza a súa presenza na Mariña lucense

AMariñaXa
A entidade inaugura a súa sucursal número 48 en Galicia, nun acto presidido polo director xeral e coas intervencións das alcaldesas de Viveiro e Burela
Viveiro-nova-oficina-caixa-rural-2025
28 Oct 2025

Caixa Rural Galega inaugurou este luns a súa nova oficina en Viveiro, un paso máis na expansión da entidade pola Mariña lucense e un fito que completa a súa rede na provincia de Lugo, onde conta xa con trinta e catro das súas corenta e oito oficinas galegas. Viveiro, a localidade con maior poboación que aínda non dispoñía dunha sucursal da cooperativa de crédito, convértese así nun novo punto estratéxico dentro do mapa financeiro da entidade.

O acto inaugural celebrouse o luns ás 19:30 horas e reuniu a persoal da entidade, representantes institucionais e convidados. Estiveron presentes a alcaldesa de Viveiro, María Carme Gueimunde González, e a alcaldesa de Burela e deputada provincial de Economía, Recadación, Facenda e Contas, Carmela López Moreno. A cerimonia estivo dirixida polo director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez, e clausurouna o presidente da entidade, Manuel Varela.

Durante o acto, ambas alcaldesas felicitaron á entidade pola súa aposta por Viveiro e pola súa vontade de “sumar e acompañar o crecemento dunha vila con enorme dinamismo e potencial económico”. Pola súa parte, o presidente Manuel Varela destacou que a nova oficina permitirá ofrecer un servizo máis áxil e personalizado, combinando a tecnoloxía máis avanzada coa atención próxima e de confianza que caracteriza a Caixa Rural Galega.

“O noso compromiso con Galicia é firme”, subliñou Varela, quen salientou que a entidade continuará apoiando o desenvolvemento rural, as familias, as pequenas empresas e os emprendedores, “que son quen fan medrar esta terra”.

O acto rematou cunha mensaxe de ánimo ao equipo humano que integrará a oficina de Viveiro e cun recordo aos valores fundacionais da cooperativa: cooperación, axuda mutua e desenvolvemento sostible de Galicia. A partir deste martes, os veciños e veciñas de Viveiro xa poden acudir ás novas instalacións, que abren as súas portas con vocación de servizo e de proximidade.

⚙ Configurar cookies
0.069286823272705