Cabalos á beira do mar: 11 anos de paixón ecuestre no Vicedo

AMariñaXa
A Asociación de Cabaleiros Rías Altas celebra máis dunha década de rutas, amizades e tradicións a cabalo pola costa mariñá
Vicedo-Asociacion-de-Cabaleiros-Rias-Altas-1
25 May 2025

“Non se trata só de montar, senón de compartir momentos, de vivir experiencias xuntos”

Por Ana Somoza

Hai once anos, un pequeno grupo de amigos do Vicedo, unidos pola súa paixón común polos cabalos, decidiu dar un paso adiante. “Naquel momento non había no pobo ningún colectivo así”, lembra Alejandro, presidente da Asociación de Cabaleiros Rías Altas. Aquela inquedanza compartida acabou tomando forma nunha entidade que hoxe suma 25 socios, repartidos entre o Vicedo, Viveiro, Ortigueira e Loiba.

“Somos xente de diferentes sitios, pero co mesmo espírito: o amor polos cabalos e pola natureza”, resume con entusiasmo. O obxectivo da asociación mantense fiel ao espírito co que naceu: “Facer rutas ecuestres, xuntarnos, pasear e confraternizar entre nós”. Sen grandes pretensións, pero cunha clara intención de gozar da compañía dos animais e da contorna. “Non se trata só de montar, senón de compartir momentos, de vivir experiencias xuntos”, apunta Alejandro.

ESPÍRITO COLECTIVO. Aínda que as rutas a cabalo son a actividade principal, a asociación non se limita a elas. Ao longo dos anos foron tecendo unha rede de colaboracións con outros colectivos e eventos da comarca. Un dos máis singulares é a súa participación na Romaxe Vikinga do Vicedo, onde se unen á Hípica Celta para recrear a batalla. “É unha experiencia ben distinta, pero tamén moi divertida. Participamos caracterizados, e os cabalos danlle un toque especial ao evento”, explica. Tamén teñen presenza en feiras e encontros equinos, como a feira de Xove. E mesmo se atreveron co Camiño de Santiago... ata en tres ocasións. “Foi unha experiencia incrible”, conta Alejandro.

A asociación está formada por homes e mulleres de distintas idades. A maioría teñen experiencia previa co mundo ecuestre, pero tamén hai quen comezou de cero. O propio Alejandro recoñece que non tivo contacto cos cabalos ata ben entrada a idade adulta. “Eu comecei moi tarde. Nunca houbo cabalos na casa. Pero un día, estando co meu fillo na Feira das Maulas de Galdo, comezamos a falar deles... e acabamos mercando un cabalo para el”. E así, como quen non quere a cousa, a familia acabou con catro cabalos: un para cada membro. “O pequeno comezou a montar con 4 anos, e o maior con 11. Agora xa é parte da nosa vida”, di sorrindo.

CONEXIÓN ANIMAL. Para el, a relación cos cabalos vai moito máis alá do deporte. “Son animais moi nobres. Dá gusto compartir tempo con eles. Pasear pola praia no inverno, ver como interactúan, coidalos... Non é só montar, é todo o que implica esa relación diaria”. Insiste en que a verdadeira paixón está no día a día, no coidado e na conexión que se establece cos animais. “Aprendes moitísimo deles. Son intelixentes e danche unha paz que custa atopar noutras cousas”.

RUTAS ESPECIAIS. Un dos momentos máis esperados do ano para a asociación é a súa propia ruta cabalar, que se celebra sempre en xuño. Este ano, terá lugar o día 7 e reunirá a xinetes de toda a comarca e mesmo doutros puntos de Galicia. “É un día de festa, de reencontros, de compartir. Xúntanse asociacións amigas como a de Medela, a de Viveiro e outras moitas da Mariña”, adianta Alejandro.

O percorrido, pensado para ser accesible a todo tipo de xinetes, é tamén unha homenaxe á paisaxe costeira do Vicedo. “Saímos arredor das dez da mañá dende a Casa da Cultura. Pasamos pola praia de Xilloi, subimos polas Laxes, e chegamos ata San Román, onde facemos unha pequena parada para tomar uns pinchos”. Logo, o grupo retorna polo interior da vila ata o punto de partida, onde lles espera un xantar con música ou espectáculo incluído. “Sempre buscamos que a xornada remate cun bo sabor de boca”, explica. A ruta está aberta tanto a adultos como a nenos, sen necesidade de experiencia previa. “É sinxela, pensada para que todo o mundo poida participar. Iso si, hai que ter un mínimo de coidado e saber levar o cabalo con respecto”, advirte.

A preparación para unha saída como esta comeza cedo. “Pola mañá, o primeiro é cepillar ao cabalo e aparellalo: colocar a cadeira e a cabezada. O xinete ten que vestir roupa cómoda, nada que incomode ao montar”, indica Alejandro. Esa rutina, aparentemente sinxela, é parte do ritual que fortalece o vínculo entre o animal e quen o monta. A resposta da xente á ruta cabalar é sempre moi positiva. “Adoitamos ter arredor de 80 xinetes. E hai quen vén de bastante lonxe: lembro participantes de Ferrol, e mesmo de Curtis”, afirma. Tamén quere destacar a colaboración dos locais do pobo: “Sempre hai negocios que nos botan unha man, e iso hai que agradecelo”.

ESTILO DE VIDA. Co paso dos anos, a Asociación de Cabaleiros Rías Altas consolidouse como un referente na comarca. A súa presenza en eventos, a súa implicación no tecido social e, sobre todo, a súa constancia, fixeron que moitos veciños vexan no colectivo un elemento máis do patrimonio local. A el emociónalle especialmente ver como os máis pequenos se involucran. “Cando ves un neno ou unha nena sorrindo sobre un cabalo, sabes que estás facendo algo ben”, di. Porque, como insiste, “non se trata só de montar, senón de transmitir valores: respecto polos animais, amor pola natureza, compañeirismo”.

O espírito que guía á asociación é, sobre todo, o de compartir. Compartir tempo, experiencias, aprendizaxes e natureza. “Este mundo engancha”, admite Alejandro. “Cando o probas, é difícil deixalo. Porque non é só un deporte, é un estilo de vida”.

 

⚙ Configurar cookies
0.16917204856873