Caballero propón “o avance” do PSdG “dende a esquerda e coa forza da militancia”
Gonzalo Caballero percorreu varios puntos da Mariña lucense para reunirse cos compañeiros e coas compañeiras do PSdeG no marco das primarias que terán lugar o vindeiro día 30.
Dende O Valadouro e Foz, Gonzalo Caballero reivindicou “o avance” do PSdeG dende a súa chegada á secretaría xeral. “Todo o mundo recoñece que o PSdeG está hoxe moito mellor que hai catro anos”, subliñou.
“Traballamos dende a esquerda e coa forza da militancia, e acadamos resultados históricos nas xerais e nas europeas, gañando ao PP en Galicia por primeira vez; e obtivemos as alcaldías de cinco das sete cidades galegas e de tres das catro deputacións nas municipais”, resaltou.
Asemade, Gonzalo Caballero apuntou o avance socialista en apoio electoral en todas as eleccións que houbo nos últimos catro anos, toda vez que supuxo frear a caída continua que arrastraba o PSdeG dende que non se reeditara o goberno progresista galego no 2009.
Por iso, apelou a “seguir fortalecendo o proxecto socialista dende a esquerda e coa forza da militancia”, para seguir impulsando valores como “o galeguismo feminismo, o ecoloxismo e o compromiso coa ética pública”. “Agora non podemos retroceder”, recalcou Gonzalo Caballero.
CONFRONTANDO CON FEIJÓO NO DEBATE DE AUTONOMÍA
En paralelo, considerou “pouco afortunado” que o outro candidato ás primarias elixira o día do Debate sobre o Estado da Autonomía para achegarse á sede do PSdeG a criticar á dirección do partido no día en que "todos deberíamos estar centrados en confrontar coas políticas da dereita e en dar respostas de esquerda".
“Todos e todas as socialistas que combatemos as políticas do PP dende unha perspectiva de esquerdas estabamos centrados onte en ofrecer unha alternativa mellor para os galegos e as galegas”, contrastou Gonzalo Caballero.
É por iso que sinalou que mentres uns “estabamos confrontando con Feijóo”, outros “parece que queren meter goles en propia meta e parece que queren facerlle o traballo a Feijóo e ao PP”.