Cabaleiros do Ouro e o Concello do Valadouro asinan a cesión da pista de andadura
Asinouse o convenio entre o Concello do Valadouro e a Asociación Ecuestre Cabaleiros do Ouro para a cesión a esta da Pista de Andadura, situada na zona dotacional do concello a carón do Campo de Fútbol e que xa se aprobara en Pleno.
Ao acto de sinatura do mesmo asisitiron o tenente alcalde Eduardo Chao, o concelleiro de Deportes Eliseo Teijeiro e o presidente da Asociacion, Miguel González Martínez. “A posta en funcionamento desta infraestrutura construída hai dez anos e que por diversas circunstancias caera en desuso nos últimos tempos, deste xeito, e coa colaboracion de Cabaleiros do Ouro, colle valor outra vez e volverá a ser un referente no deporte ecuestre na Mariña e en Galicia” manifestou o concelleiro de deportes, o nacionalista Eliseo Teijeiro.
Esta pista de andadura que no seu día foi a primeira construída en Galicia volverá a recuperar o seu esplendor albergando múltiples eventos con actividades de ocio relacionadas co mundo ecuestre e o medio ambiente.
Neste sentido tamén se pronunciaron o presidente da Asociación Miguel González e o tenente alcalde Eduardo Chao quen recordou tamén que a posta en funcionamento da pista era un dos puntos do programa da súa formación política, o BNG, nas últimas eleccións municipais.