Bye Bye Plástico conciencia en Cervo sobre a loita contra o lixo mariño

AMariñaXa
As accións de verán da campaña Bye Bye Plástico fixeron unha última parada na praia do Torno de San Cibrao para concienciar á poboación
bye bye plastico
5 sep 2021

As accións de verán da campaña Bye Bye Plástico fixeron unha última parada na praia do Torno de San Cibrao para concienciar á poboación sobre o uso responsable dos plásticos e a loita contra o lixo mariño.

Este posto, que percorreu durante o verán distintos areais galegos, forma parte das liñas de acción da campaña e na que se anima á xente a desfacerse do plástico de xeito responsable. Para iso, repártense bolsas coa finalidade de que garden os refugallos deste material xerados durante a xornada, para facer máis visible o seu volume; e convídase a que axuden a coidar a praia enchendo a bolsa dos plásticos que atopen.

Co fin de chegar ao público de xeito lúdico e divertido, tamén se instalou como reclamo unha ruleta con escenas de diferentes poses relacionadas co surf, para que as persoas que o desexen xoguen e repliquen a postura que lles toque nunha plataforma que imita a unha táboa de surf.

Con este tipo de medidas búscase transmitirlle á sociedade que reducir o uso do plástico e evitar que acabe en lugares coma o mar é un cometido conxunto de toda a cidadanía. 

Participación da xente nova

Destacan as diferentes liñas de acción da campaña Bye Bye Plásticos para tratar de calar de forma especial na xente nova, polo que reforzouse a súa presenza en redes sociais como Tik Tok, Instagram, Twitter e Facebook. 

Ademais, tamén se busca a implicación dos centros educativos, aos que o Goberno galego animará a participar nun filme escolar colaborativo cun guión no que cada centro participante poderá xerar a súa parte. Esta iniciativa anunciarase a través das redes sociais e diferentes canles da campaña.  

bye bye plastico 2
0.16873097419739