BurelaIN escolle o mural que decorará a conserveira da rúa Berbés

AMariñaXa
Denomínase Burela, o mar e as súas xentes, e os seus autores son os artistas locais Belén Mogo e Martín Leatao.
burela muro confraria porto
22 Mar 2022

Denomínase Burela, o mar e as súas xentes, e os seus autores son os artistas locais Belén Mogo e Martín Lestao.

Durante os meses de febreiro e marzo, o proxecto Burela IN lanzou un concurso arredor da presentación dunha proposta artística que reflicta o carácter mariñeiro da vila, empregando materiais reciclados e acondicionando un muro en desuso, o situado na rúa do Berbés, facendo esquina con Eijo Garay, e que foi cedido pola Confraría de Burela ao Concello de Burela para dedicala a esta actividade.

A pasada semana remataba o prazo de presentación de propostas, recibindo un total de 10 obras artísticas, de distintas persoas e colectivos da Mariña. O xurado, composto polas entidades que forman parte do proxecto, e outras contempladas nas bases do concurso, reuniuse o 16 de marzo para valorar as propostas e nomear á gañadora. O xurado estivo composto por 9 entidades de distintos ámbitos (técnico, artístico, mariñeiro, da inclusión, e de coidado medio ambiental), aportando a súa mirada sobre as obras presentadas.

A obra que salientou sobre todas as propostas foi a nomeada Burela, o mar e as súas xentes, presentada polos artistas locais Belén Mogo e Martín Lestao, que recibirán un premio de 3.000 euros, ademais do apoio do Concello de Burela e as entidades implicadas no proxecto Burela In na realización da obra artística.

Burela, o mar e as súas xentes, representa o papel das mulleres no mundo do mar. No esbozo presentado, podemos ver redeiras, peixeiras e conserveiras da Burela industrial; o faro e a cheminea primitiva da fabrica de cerámica de Leandro Cucurny, que facían a labor de guiar aos navegantes. O acondicionamento previo do muro será realizado en conversa coas necesidades da obra artística. Ademais, a obra será realizada tendo en conta materiais reciclados, como redes de pesca, pezas de gres da antiga fábrica de cerámica, varas de bonito, e refugallos recollidos nas praias da contorna.

Novas actividades 

Ademais, o proxecto Burela IN continúa a súa andaina para a concienciación sobre a problemática do lixo mariño e a transformación de residuos. Para iso, elaborará unha mostra informativa, empregando os refugallos recollidos nas actividades ambientais, e explicando a súa orixe e consecuencias. Esta mostra terá un carácter itinerante, e será elaborada entre as asociacións participantes no proxecto.

Por último, no mes de xullo, planificamos unha xornada de presentación de resultados, onde convidaremos á cidadanía a participar xunto con todas as entidades e persoas que están a formar parte do proxecto #BurelaIN.

0.1746129989624