Burela xa se prepara para a súa IX Festa da Castaña
O Concello de Burela e Os Asadores Burela organizan este sábado, día 9 de novembro, a novena edición da Festa da Castaña. A celebración terá lugar, como é habitual, na praza da Mariña a partir das 17.30 horas e contará con numerosas actividades para todos os públicos.
A IX Festa da Castaña comezará cuns xogos para a cativada a cargo da xoguetería Xogando nas Nubes e máis co obradoiro de zonchos impartido polas monitoras do Centro de Educación Medioambiental Gaia. A partir das 18.00 horas comezará o reparto de comida e bebida, con castañas, bolos preñados, auga e viño. Tamén haberá música ao longo da xornada.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez Pardo, convida “á veciñanza a asistir un ano máis a esta gran festa, que xa conta cun amplo percorrido na nosa vila”.