Burela vivirá unha Cabalgata de Reis con rosconada e chocolatada final

AMariñaXa
En función das condicións meteorolóxicas, o Concello informará dos posibles cambios no percorrido
BURELA-3-XAN-Cabalgata
3 Jan 2025

Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán Burela este domingo 5 de xaneiro, nunha gran xornada de festa dirixida á rapazada da vila e as súas familias. A Cabalgata sairá ás 19.00 horas da rúa do Ril e o percorrido rematará na praza da Mariña, onde terá lugar a recepción das súas maxestades.

Na carpa da Praza da Mariña, terá lugar unha deliciosa rosconada e chocolatada para goce de todos os asistentes. Ademais, realizarase o gran sorteo do Premio de Nadal, cun valor de 3.000 euros en vales de compra. O Concello conta coa colaboración da SRC Ledicia e de ACIA Burela na organización do evento.

“A deste domingo será unha tarde chea de maxia antes da noite máis especial do ano para os máis pequenos e pequenas da casa. Animamos a toda a veciñanza a achegarse á cabalgata, desfrutar e saudar aos Reis Magos na carpa da praza da Mariña”, sinala Carmela López, alcaldesa de Burela.

"En función das condicións meteorolóxicas, o Concello informará dos posibles cambios no percorrido da Cabalgata. No caso de alerta amarela ou laranxa, só se realizará a recepción na carpa", explica a rexedora.

0.16750597953796