Burela transforma as antigas vivendas do profesorado en vinte locais sociais para asociacións

AMariñaXa
O Concello investe máis de 123.000 euros na rehabilitación integral dun edificio de 351 metros cadrados para poñelo ao servizo do tecido asociativo
BURELA-OBRAS-DE-ACONDICIONAMENTO-DAS-ANTIGAS-VIVENDAS-DOS-PROFESORES-PARA-LOCAIS-DE-ASOCIACIoNS
2 Oct 2025

O Concello de Burela puxo en marcha este martes a reforma das antigas vivendas do profesorado co obxectivo de darlles un novo uso social e comunitario. O inmoble, composto por catro vivendas que xa viñan sendo empregadas parcialmente por entidades como a ANPA do CEIP Os Castros ou a Asociación Raíces Peruanas, atopábase nun estado de deterioro que facía necesaria unha intervención integral.

Co proxecto de rehabilitación, as antigas estancias —que dispoñían de tres dormitorios, baño, salón comedor e cociña— converteranse en vinte locais sociais dispoñibles tanto para as asociacións xa instaladas como para aquelas que soliciten espazo. En total, intervirase sobre unha superficie de 351,20 metros cadrados.

A actuación contempla a substitución das carpinterías, a demolición das antigas cociñas e baños, a mellora da impermeabilización, a instalación eléctrica nova, o pintado xeral, a reposición de pavimentos e a execución dunha soleira exterior que garanta a accesibilidade. O investimento ascende a 123.237,96 euros.

A alcaldesa, Carmela López, subliñou que o obxectivo é que “as asociacións dispoñan de espazos dignos e accesibles para reunirse e desenvolver o seu traballo”. Pola súa parte, o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, cualificou a actuación como “un paso decisivo para apoiar e reforzar o tecido asociativo local”.

⚙ Configurar cookies
0.095845937728882