Burela súmase ao movemento do comercio xusto cunha feira o venres

AMariñaXa
O comercio xusto chega a Burela da man de Solidariedade Internacional de Galicia coa fin de seguir espallando a súa mensaxe
Burela comercio xusto
20 Out 2021

O comercio xusto chega a Burela da man de Solidariedade Internacional de Galicia coa fin de seguir espallando a súa mensaxe: promover unhas relacións comerciais máis xustas entre países respectando os dereitos humanos. 

No marco da campaña Aquí e Acolá O Xusto, realízase en Burela a feira Comercio Con Sentido, de produtos de comercio xusto, que terá lugar na Praza da Mariña o vindeiro venres, 22 de outubro, entre as 11:30 e as 19:00 horas. 

Segundo explica a concelleira de Cooperación, Noelia Mª Ben, “os e as asistentes á feira Comercio Con Sentido poderán achegarse á realidade que existe detrás dalgúns dos alimentos que consumimos no noso día a día como o azucre, o cacao ou o café. A través desta actividade, Solidariedade Internacional de Galicia proporciona información a cerca da súa orixes, produción, comercialización, características e variedades, así como dos problemas aos que os produtores e produtoras se enfrontan ata que esta mercancía chega as nosas mans. Ademais os/as asistentes tamén poderán degustar variedades de café, cacao e azucre”. 

Á feira asistirá alumnado dos IES Perdouro e o IES Monte Castelo en horario de mañá para sensibilizar aos máis xoves neste ámbito. A campaña Aquí e Acolá O Xusto, financiada pola Xunta de Galicia e Cooperación Galega, coa colaboración do Fondo Galego de Cooperación, nace para sensibilizar á poboación sobre as desigualdades sociais que provoca o comercio internacional e achegar alternativas de consumo máis sostibles que respecten os dereitos humanos de todas.

0.17121005058289