Burela someterá a aprobación inicial os Orzamentos de 2026 nun pleno extraordinario

AMariñaXa
O documento económico supera os nove millóns de euros e priorizará servizos públicos, persoal, investimentos e apoio ao tecido asociativo
Casa_concello_Burela
SD Burela, CB Burela e CD Burela FS colaboran compartindo cantina
27 Feb 2026

O Concello de Burela celebrará o vindeiro 2 de marzo, ás 10.00 horas, un pleno extraordinario no Salón de Plenos da Casa do Concello coa finalidade de someter a aprobación inicial os Orzamentos Municipais para o exercicio 2026. A sesión, convocada con carácter extraordinario, responde á intención de aprobar as contas “na maior brevidade posible” para garantir unha planificación estable ao longo do ano.

O proxecto económico supera os nove millóns de euros e recolle a previsión de ingresos e gastos para o próximo exercicio. No documento inclúese a dotación vinculada á nova Relación de Postos de Traballo, así como as consignacións destinadas ao funcionamento ordinario dos distintos servizos municipais e ás actuacións previstas no capítulo de investimentos.

Unha parte moi significativa da cifra global podería destinarse á prestación de servizos públicos básicos, que previsiblemente absorberían arredor da metade do orzamento total. Xunto a este apartado, a partida de persoal concentraría tamén unha porcentaxe destacada dos recursos, mentres que outra contía relevante podería reservarse para subvencións a entidades e colectivos. Neste ámbito incluiríanse tanto as axudas nominativas como as de concorrencia competitiva, ademais das destinadas a emerxencias sociais e as achegas ao consorcio das escolas infantís, entre outras liñas de apoio.

No capítulo de investimentos, as contas contemplan actuacións como a reforma das beirarrúas na avenida Arcadio Pardiñas e a rehabilitación enerxética da Casa da Xuventude, iniciativas orientadas a mellorar a accesibilidade e a eficiencia dos espazos públicos municipais.

Coa aprobación inicial destes orzamentos, o goberno local pretende dotar ao Concello dunha ferramenta económica que lle permita afrontar 2026 con maior previsión e capacidade de resposta ás necesidades da veciñanza.

0.11512398719788