Burela será sede dunha xornada sobre turismo pesqueiro para impulsar o patrimonio mariñeiro

A Casa do Concello de Burela acollerá este xoves 10 de abril, ás 16:00 horas, unha completa sesión informativa sobre a Rede de Turismo Pesqueiro de España, unha iniciativa que pretende dar visibilidade ao patrimonio cultural das comunidades costeiras e impulsar o pescaturismo como motor económico sostible. A xornada está dirixida a profesionais do ámbito pesqueiro, náutico, hostaleiro e turístico.
A sesión abrirase cun acto institucional encabezado por Carmela López Moreno, presidenta da Fundación Expomar, e José M. González López, o seu xerente. De seguido, o concelleiro de Mar e Turismo de Burela, Ramiro Fernández Rey, presentará os obxectivos e liñas de traballo da Rede Nacional de Turismo Pesqueiro, así como as vantaxes de formar parte dela.
Ás 16:30 horas terá lugar un espazo de reflexión titulado "Pescaturismo e valorización do patrimonio cultural", no que intervirán os expertos Sauro Martínez Durán e Serxio Muño Freire. A partir das 17:45 horas, Andrea Andión Fernández, técnica de turismo do Concello de Burela, explicará os esforzos que se están a facer no municipio para preservar e divulgar o legado mariñeiro local.
A programación completarase cun intre cultural ás 18:15 horas, coa actuación musical "A música do noso mar", da man da Fundación Legar, coa participación dos artistas Xabier Blanco e Martina Ferradás, que interpretarán temas de raíz vencellados ao mar e ás tradicións pesqueiras. Como colofón, ás 18:45 horas, ofrecerase un petisco con produtos do mar e viños da zona, promovendo así a riqueza gastronómica da contorna.
O concelleiro Ramiro Fernández Rey anima a todos os axentes do sector a participar, destacando que “queremos que todos os profesionais do sector teñan a oportunidade de coñecer as vantaxes de adherirse á rede e como este proxecto pode contribuír ao desenvolvemento e visibilidade do turismo pesqueiro na nosa rexión”.