Burela seleccionou a dous socorristas con cargo ao Plan Único da Deputación
O Concello rematou o proceso de selección de dous socorristas con cargo ao Plan Único da Deputación. Burela precisa contar con 10 profesionais para atender os seus areais e o alcalde, Alfredo Llano, critica que a estas alturas a Xunta de Galicia aínda non informase aos Concellos sobre o número de socorristas que lles subvencionará polo que será imposible que o 1 de xullo comecen a traballar.
O rexedor declarou que “rematamos no Concello de Burela o proceso de selección de socorristas que nosoutros tíñamos xa marcados no Plan Único porque consideramos que é unha boa fórmula para completar os socorristas que nos fan falta en Burela. De momento contratamos a dous, pero estamos agardando a que a Xunta saque as súas prazas dunha vez para seguir o proceso de selección e poder abrir o día 1 de xullo”.
Alfredo Llano dixo “hai que ter en conta que nosoutros tratamos de adaptarnos ás esixencias das bandeiras azuis e da xente para ter unhas praias cubertas con toda a seguridade e ben preparadas para que teñan todos os servizos completos e ter os socorristas xa traballando a partir do 1 de xullo. Pero este ano é imposible dado que a Xunta aínda non sacou o número de prazas que nos vai conceder a cada Concello e iso contradí a filosofía de ter unha calidade turística cando realmente non se pode levar adiante polos retrasos sistemáticos que se están facendo ultimamente. Polo menos ata a semana que ven non van saír publicadas, o cal quere dicir que nunha semana e pouco non podemos facer a selección con todas as garantías, ou sexa que xa o día 1 de xullo non imos ter ese servizo ao cen por cen”.
Para o alcalde burelés “é unha pena porque xa o reiteramos todos os anos, pedímolo e solicitámolo que se adianten e que se faga todo este proceso con prontitude. Isto trae unhas consecuencias: imos pasalo mal para conseguir en tempo e forma, o antes posible, ese servizo de ter os socorristas nas praias para gardar a seguridade. A través do Plan Único xa temos polo menos dúas persoas que se van poñer inmediatamente á labor, pero as necesidades de Burela son como mínimo dez socorristas e estamos agardando a ver si a Xunta se decide a publicar cantos nos corresponden a cada Concello para poñernos o antes posible mans á obra”.