Burela segue a promover a inclusión entre o alumnado de primaria cunha nova actividade

O Concello de Burela, a través da súa área de Inmigración, desenvolveu estes días a actividade “Oca Inmigrante” nos centros de educación primaria CEIP Os Castros e CEIP Vista Alegre, no marco da programación de accións dirixidas á loita contra a discriminación racial.
A iniciativa, dirixida ao alumnado máis novo, combinou o xogo coa aprendizaxe para achegar aos nenos e nenas a realidade das migracións, así como as diferentes situacións de desigualdade e inxustiza ás que se enfrontan as persoas migrantes. A través desta dinámica participativa, o alumnado puido reflexionar e comprender, dun xeito adaptado á súa idade, conceptos clave relacionados coa diversidade, o respecto e a convivencia.
Dende o concello destacan a boa acollida da actividade e o alto nivel de implicación do alumnado: “Aledámonos moito vendo aos máis pequenos e pequenas tan contentos e participativos no xogo e, ao mesmo tempo, comprobando como reciben e analizan a información que se lles transmite sobre esta temática. Trátase de que, dende moi pequenos, poidamos construír con eles unha sociedade máis inclusiva, respectuosa e aberta”.
Esta actividade enmárcase dentro das accións de mediación social e/ou intercultural incluídas no programa dirixido á inclusión social da poboación inmigrante. O programa está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.