Burela: Ruta Xeolóxica O Perdouro

AMariñaXa
Un percorrido que permite descubrir o conxunto de pregos mellor conservado de toda Galicia
perdouro-2
6 Jan 2025

Burela agocha segredos naturais de gran valor que combinan beleza paisaxística e interese científico. Un dos exemplos máis destacados é a Ruta Xeolóxica O Perdouro, que se converteu nunha referencia obrigatoria para amantes da xeoloxía e da natureza.

A Ruta O Perdouro percorre unha área costeira que expón formacións xeolóxicas de gran singularidade. Estas rochas, con millóns de anos de historia, revelan os procesos tectónicos, erosivos e sedimentarios que moldearon a paisaxe actual. Unha ruta que permite descubrir o conxunto de pregos mellor conservado de toda Galicia con máis de 300 millóns de anos de antigüidade, e orixinados por mor da Oroxenia Varisca, reseñable acontecemento xeolóxico da Era Paleozóica.

Á hora de realizar esta ruta, non só atoparán fermosos arcos rochosos, senón que ademais gozarán das marabillas que presenta a Rasa Cantábrica, así como a súa extensión dende Burela ata gran parte do Cantábrico. Unha proposta que, ademais, permite coñecer as marabillas do granito na zona de San Cibrao.

Tamén se inclúe nesta ruta a Igrexa de Coedo, un pequeno templo esculpido polo mar denominado Geosite de Interés Internacional que só se pode visitar en marea baixa.

O PERCORRIDO

A ruta consta dunha distancia de 3,2 quilómetros (ida e volta) con saída na Oficina de Turismo, no porto de Burela. Esta ben sinalizada e a súa dificultade é baixa, polo tanto, accesible tanto para familias como para sendeiristas experimentados.

O percorrido inclúe paradas interpretativas, onde se explican de maneira sinxela os procesos xeolóxicos e as características únicas da zona. Ademais, conta con paneis informativos e audioguías dispoñibles, ofrecendo unha experiencia educativa e enriquecedora.

A Ruta O Perdouro é un exemplo de como o turismo sostible pode contribuír ao desenvolvemento local. Este proxecto, impulsado polo Concello de Burela e en colaboración con expertos xeólogos, non só promove o coñecemento da xeoloxía, senón que tamén pon en valor a biodiversidade e o patrimonio cultural da zona.

Así, esta ruta forma parte das Xeorutas de Burela, e atrae visitantes durante todo o ano, axudando a diversificar a economía local máis aló da pesca.

 

 

 

0.16757011413574