Burela renova a iluminación do seu porto cun investimento de 130.000 euros en tecnoloxía LED

AMariñaXa
A actuación inclúe 117 puntos de luz e un sistema de telexestión que reducirá nun 60 % o consumo enerxético
led-lampada-rua
27 May 2025

O porto de Burela está a experimentar esta semana unha profunda renovación no seu sistema de iluminación exterior grazas a un investimento de 130.000 euros da Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia. A intervención supón a substitución de 117 luminarias e proxectores por novos dispositivos LED de alta eficiencia, que incorporan ademais un sistema de telexestión para o seu control remoto.

Esta actuación inscríbese dentro dun plan autonómico que abarca preto de trinta dársenas de Galicia, co obxectivo de modernizar as infraestruturas portuarias cun alumeado máis sostible e eficiente. O orzamento total deste programa acada os 3 millóns de euros para este ano.

No caso concreto de Burela, os traballos inclúen a retirada das luminarias actuais, a instalación dos novos equipos LED especialmente deseñados para soportar ambientes mariños e condicións climáticas adversas, así como a implantación de sistemas de protección contra sobretensións.

Ademais do aforro enerxético estimado de ata o 60%, espérase unha mellora significativa na calidade da luz, o que repercutirá na seguridade e comodidade visual tanto dos profesionais do mar como doutras persoas usuarias das instalacións.

Outro dos beneficios destacados desta modernización é a redución da contaminación luminosa e ambiental nos espazos portuarios, aliñando o proxecto cos principios de sustentabilidade e eficiencia enerxética que promove a Xunta de Galicia a través de Portos.

⚙ Configurar cookies
0.15895104408264