Burela renderalle este ano homenaxe ao bonito dun xeito diferente
Burela renderalle este ano homenaxe ao bonito dun xeito diferente co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria, en palabras do alcalde, Alfredo Llano. Non haberá Feira do Bonito ao xeito tradicional con degustación de túnido en diferentes preparacións no peirao, pero o príncipe azul estará presente na hostalería local, que ofrecerá tapas e menús elaborados con este produto. O obxectivo é seguir potenciando e promocionando deste xeito o bonito de Burela.
O rexedor sinalou que “onte tivemos unha reunión amistosa con parte da restauración, dos bares e da Acia local. Tratábase de presentarlles a iniciativa que queremos facer este ano e compartir con eles, tanto desde o Concello como desde Ledicia, porque estivo presente no encontro a presidenta desta asociación”.
Llano subliñou que “este ano non imos facer a Feira do Bonito tal e como se viña realizando, non é posible, a normativa sanitaria aconsella non facer este tipo de eventos, entón imos garantir a seguridade sanitaria desta maneira. Non podemos facer a feira como se viña realizando de xeito tradicional ofertando unha serie de pratos cociñados alí no peirao, preparacións todas elas moi saborosas e elaboradas co obxectivo de promocionar, de distinguir e de darlle importancia á pesca no noso pobo”.
O alcalde de Burela dixo que “non haberá feira, pero si que teremos outras cousas, haberá actuacións musicais, actividades lúdicas durante a primeira fin de semana do vindeiro mes de agosto. Pero ao non haber feira pensamos en facer algo que tamén chame a atención sobre a pesca e sobre a captura desta especie e ao mesmo tempo que promocione a nosa hostalería e tamén Burela”.
Alfredo Llano engadiu que “nesta cita gastronómica, que estamos a deseñar, participarán todos aqueles bares e restaurantes que o desexen, con tapas, con menús ou con creacións para eses días. Vai ser practicamente unha semana de promoción do túnido para recoñecer a súa importancia. Pensamos que esta iniciativa é importante para o sector hostaleiro, para Burela e para Ledicia porque seguimos fortalecendo a Feira do Bonito e a pesca, algo moi importante no noso pobo”.