Burela rende tributo ao deporte local cunha fin de semana chea de homenaxes e emocións

AMariñaXa
O Concello recoñecerá ao equipo feminino do Burela FS pola súa sétima Copa da Raíña e ao equipo masculino da SD Burela polo seu ascenso a Preferente tras 17 anos
Casa_concello_Burela
SD Burela, CB Burela e CD Burela FS colaboran compartindo cantina
6 May 2025

O Concello de Burela vivirá esta fin de semana unha auténtica festa do deporte local cun dobre acto de homenaxe aos seus equipos máis destacados. Por unha banda, o equipo feminino do Burela FS será recoñecido pola súa recente conquista da sétima Copa da Raíña; por outra, o equipo masculino da SD Burela será homenaxeado polo seu retorno á Preferente despois de 17 anos, nunha tempada para lembrar.

A homenaxe ao Burela FS feminino terá lugar o venres 9 de maio, coincidindo co partido que disputarán no Pavillón Vista Alegre contra o CFS Gran Canaria Teledeportivo. Será antes do inicio do encontro cando o Concello realice a recepción oficial ás xogadoras, nun acto cargado de simbolismo e gratitude.

A alcaldesa, Carmela López, expresou o seu orgullo polo novo éxito do club: “Esta sétima Copa da Raíña representa non só un logro deportivo, senón tamén o resultado dun compromiso inquebrantable coa excelencia e o traballo colectivo”. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Carlos Méndez Pena, quixo destacar que “a cor laranxa é máis que nunca símbolo de orgullo para toda Burela. Este triunfo pertence a todas as persoas que fan posible día a día o proxecto do Burela FS”.

O domingo 11, será a quenda para o equipo masculino da SD Burela, que recibirá o recoñecemento oficial antes do seu encontro ante a SDC Residencia, programado para as 12:00 horas. O club celebrou unha tempada extraordinaria que lle valeu o ascenso á Preferente, culminando así un longo camiño de esforzo e ilusión.

Ademais, os veteranos da SD Burela tamén teñen motivos para celebrar, tras proclamarse campións da Liga de Veteranos División de Honra da provincia de Lugo, o que lles asegura unha praza no Campionato Galego da categoría.

“Animamos a toda a veciñanza a que se sume a estas celebracións, que nos enchen de emoción e reforzan o noso orgullo pola entrega e a paixón do deporte burelao”, concluíu a rexedora.

⚙ Configurar cookies
0.16753101348877