Burela rende homenaxe ao talento de Xosé Vizoso cunha exposición póstuma da súa obra

A vila de Burela abre as portas da súa sala de arte para celebrar a memoria e o legado do artista gráfico Xosé Vizoso cunha exposición póstuma que poderá visitarse durante todo un mes. A mostra, que se inaugura mañá martes 24 de xuño ás 19:30 horas na Casa da Cultura, achega á veciñanza e ao público visitante unha ampla selección da obra deste creador singular, nado en Mondoñedo e falecido o pasado mes de febreiro.
Vizoso, figura fundamental da cultura visual galega contemporánea, foi autor de pezas icónicas no ámbito do deseño e a ilustración, especialmente vinculado á cerámica de Sargadelos, onde desempeñou un papel clave como ideólogo das súas coleccións máis representativas. Tamén deixou a súa pegada noutras disciplinas artísticas, como a restauración monumental, participando en traballos relevantes como os da Catedral de Mondoñedo.
A exposición poderá visitarse ata o 24 de xullo no horario habitual da sala: de luns a venres entre as 11:00 e as 13:00 horas e polas tardes de 18:00 a 20:00. A actividade está organizada por Arraianos Producións, o Concello de Burela, a Deputación de Lugo e a Rede Museística Provincial de Lugo, entidades que quixeron unir forzas para reivindicar a figura dun creador que deixou unha fonda pegada no imaxinario colectivo galego.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, anima a toda a veciñanza a achegarse á exposición e lembra que “Vizoso foi un dos grandes nomes da Mariña, recoñecido polo seu traballo en Sargadelos pero tamén pola súa traxectoria artística, comprometida e sempre vencellada ao noso territorio”. Gómez destaca tamén o valor pedagóxico da mostra, ideal para que novas xeracións coñezan a obra dun artista que combinou tradición e vangarda con orixinalidade e fondura estética.