Burela reforza os lazos con Cabo Verde nun encontro internacional de mulleres electas

A alcaldesa de Burela, Carmela López, e a concelleira de Economía, Patricia Eijo, iniciaron en Cabo Verde unha axenda institucional coincidindo coa celebración do II Encontro Internacional de Mulleres Electas “As Elixidas”, unha iniciativa promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que reúne a representantes políticas de distintos territorios para compartir experiencias e reflexións sobre gobernanza e cooperación.
A primeira xornada da visita desenvolveuse na capital do país, Praia, e incluíu tamén desprazamentos aos municipios de Ribeira Grande de Santiago e Porto Mosquito, zonas que manteñen unha estreita relación coa comarca da Mariña e, de maneira especial, coa vila de Burela debido aos históricos fluxos migratorios entre ambos territorios.
Durante a xornada, a alcaldesa burelesa mantivo diversos encontros institucionais con responsables das cámaras municipais destas localidades. Nas reunións abordáronse cuestións relacionadas coa realidade social e económica destas zonas, así como os vínculos que manteñen coa comunidade caboverdiana asentada en Burela, considerada unha das máis relevantes de Galicia.
A visita serviu tamén para coñecer de preto os lugares de orixe de moitas das persoas que hoxe forman parte da vida cotiá da localidade mariñá. López tivo ocasión de reunirse con familiares e amizades de veciños e veciñas caboverdianas residentes en Burela, o que lle permitiu achegarse á realidade das comunidades das que proceden.
Un dos momentos máis significativos da xornada produciuse no municipio de Porto Mosquito, onde a delegación visitou o Bar Galycia, un establecemento rexentado por persoas vinculadas coa vila mariñá e que simboliza os lazos sociais e culturais que se teceron ao longo dos anos entre ambos territorios.
Durante o percorrido pola zona, a alcaldesa tamén visitou vivendas de familias con relación directa coa comunidade burelesa e puido coñecer de primeira man a actividade pesqueira que se desenvolve nesta área, unha actividade que conecta directamente coa realidade económica e laboral de moitos veciños e veciñas de Burela.
“Para nós é moi importante poder visitar estes lugares e coñecer a realidade das familias das que proceden moitos veciños e veciñas de Burela. A relación entre Cabo Verde e a comarca da Mariña vai moito máis alá da emigración: son vínculos humanos, familiares e culturais moi fortes”, sinalou a alcaldesa durante a súa estancia.
A axenda institucional incluíu tamén un encontro coa embaixadora de España en Cabo Verde, Ana Paredes. Durante a reunión, Carmela López trasladoulle a necesidade de mellorar a atención consular que reciben as persoas da comunidade caboverdiana que residen en Burela e na provincia de Lugo.
Segundo explicou a alcaldesa, na actualidade moitos destes veciños e veciñas deben desprazarse ata cidades como Lisboa ou Madrid para realizar trámites administrativos como a renovación do pasaporte ou outras xestións documentais, unha situación que supón importantes dificultades.
López lembrou que recentemente foi posible organizar unha xornada en Burela coa presenza de persoal consular para facilitar este tipo de trámites. Con todo, considerou que esta medida resulta insuficiente e propuxo estudar a posibilidade de que estas visitas se realicen de maneira periódica para facilitar as xestións á comunidade caboverdiana residente na vila.
“Moitas destas persoas traballan no mar e pasan semanas embarcadas, polo que cando regresan supón un esforzo moi grande ter que viaxar tan lonxe para resolver cuestións administrativas”, explicou.