Burela reforza lazos con Cabo Verde a través da cooperación internacional

AMariñaXa
O concelleiro de Tarrafal visitará o municipio o 31 de marzo para coñecer o seu sector pesqueiro
Burela-Asemblea-do-Fondo-Galego-de-Cooperacion-e-Solidariedade
Visita do ministro de Cabo Verde
27 Mar 2025

O Concello de Burela acollerá o próximo luns 31 de marzo a visita de Osvaldo Chantre, concelleiro do municipio caboverdiano de Tarrafal. Durante a súa estadía, Chantre percorrerá puntos estratéxicos da vila vinculados ao sector pesqueiro, unha das actividades máis representativas da localidade.

Esta visita enmárcase dentro do convenio de colaboración impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no que Burela ten unha participación activa. Precisamente, o tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado, asistiu onte á Asemblea do Fondo Galego, celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense.

Durante o encontro, aprobáronse a memoria e as contas do exercicio 2024, así como o plan de actividades para 2025. Entre as accións previstas figuran proxectos en África e Latinoamérica, unha convocatoria de axudas para ONGD galegas cun orzamento de 100.000 euros e máis de cincuenta iniciativas de educación para a cidadanía global. Ademais, acordouse a adhesión do Fondo Galego á Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA).

Un dos momentos salientables do evento foi a presentación dos proxectos que o Fondo Galego está a desenvolver en Tarrafal, exposta polo presidente da cámara municipal da vila caboverdiana, José dos Reis Varela. Mario Pillado tivo a oportunidade de saudar tanto a Varela como a Osvaldo Chantre, reforzando os vínculos de cooperación entre ambos os municipios.

"Para nós é un pracer representar a Burela no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Esta participación permítenos manter un intercambio constante cos países do Sur, asistir a diversos eventos e recibir visitas institucionais que fortalecen os nosos lazos internacionais. Ademais, teremos a oportunidade de participar no IV Foro Mundial de Desenvolvemento Económico Local, que se celebrará en Sevilla entre o 1 e o 3 de abril", destacou Mario Pillado.

⚙ Configurar cookies
0.14539313316345