Burela reforza a súa rede de cardioprotección con novas accións formativas en primeiros auxilios

O Concello de Burela continúa a avanzar na súa aposta pola seguridade cidadá e pola saúde pública cunha nova edición das accións formativas en primeiros auxilios e manexo do desfibrilador (DESA). Estas sesións, que se están a desenvolver nos últimos días, están dirixidas ao persoal municipal e permitirán incrementar o número de persoas preparadas para actuar ante situacións de emerxencia, especialmente en casos de parada cardiorrespiratoria.
As xornadas insírense dentro da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde, unha iniciativa que busca fomentar o coñecemento práctico en materia de prevención e resposta rápida ante urxencias. Deste xeito, o goberno local reafirma o seu compromiso coa saúde e o benestar da veciñanza, ofrecendo ferramentas e coñecementos que poden resultar decisivos en momentos críticos.
Burela consolídase así como o concello mellor cardioprotexido da Mariña lucense, grazas á ampla rede de desfibriladores instalados en espazos públicos e á formación continua do persoal municipal, deportivo e educativo. O executivo local anunciou, ademais, que nos próximos meses se ampliará o número de dispositivos DESA dispoñibles, tanto en edificios municipais como en zonas de gran afluencia.
Desde o Concello destacan que este tipo de accións “non só melloran a resposta ante posibles emerxencias, senón que contribúen a crear unha sociedade máis segura, consciente e preparada para salvar vidas”.