Burela reforza a súa rede de cardioprotección coa incorporación de tres novos desfibriladores

AMariñaXa
Dous dispositivos estarán nos vehículos da Policía Local e outro instalarase na Casa da Xuventude para ampliar a capacidade de resposta ante emerxencias cardíacas
desfibriladores-Burela-2026
6 Mar 2026

O Concello de Burela deu un novo paso na súa aposta pola seguridade e pola protección da saúde da veciñanza coa incorporación de tres novos desfibriladores externos semiautomáticos (DESA), entregados este mércores. A adquisición destes equipos forma parte da estratexia municipal orientada a reforzar a capacidade de resposta ante emerxencias cardíacas e a avanzar cara a un municipio cada vez máis cardioprotexido.

Dous dos novos dispositivos serán instalados nos vehículos da Policía Local. Deste xeito, as patrullas que realizan o servizo diario poderán dispor destes equipos durante as súas intervencións, o que permitirá actuar con maior rapidez no caso de que se produza unha parada cardiorrespiratoria. A presenza dos desfibriladores nos coches policiais facilitará unha intervención inmediata nos primeiros momentos da emerxencia, considerados fundamentais para aumentar as posibilidades de supervivencia.

O terceiro desfibrilador colocarase na Casa da Xuventude, un espazo que acolle distintas actividades ao longo do ano. Ademais, durante o horario de mañá tamén dará cobertura ás sesións de Ximnasia Activa dirixidas ás persoas maiores, unha iniciativa que promove o exercicio físico e o envellecemento saudable entre a poboación de máis idade. A presenza deste dispositivo neste punto reforza as garantías de seguridade para os participantes nesta actividade.

Con esta nova dotación, o Concello continúa ampliando a rede de desfibriladores distribuídos en distintos espazos e servizos municipais. Esta ampliación contribúe a consolidar Burela como o concello da Mariña con maior nivel de cardioprotección, ao tempo que fortalece a capacidade de resposta dos servizos públicos ante posibles situacións de emerxencia sanitaria.

0.10022592544556