Burela reforza a prevención do VIH coa nova campaña da UAD polo Día Mundial da SIDA

A Unidade Asistencial de Drogodependencias de Burela conmemora este 1 de decembro o Día Mundial da SIDA cunha nova campaña centrada na prevención do VIH e doutras infeccións de transmisión sexual. A iniciativa estrutúrase arredor dunha nova edición do Certame de Arte para Calendarios de Parede, que acada xa a súa sexta convocatoria, mantendo o lema que leva dúas décadas acompañando o labor da UAD: “Previr a sida día a día”, unha chamada a integrar a prevención na rutina anual da veciñanza.
O calendario escollido para 2026 incorpora unha creación de Kevin López Orosa, estudante do ciclo de ensinanza e animación sociodeportiva do IES Monte Castelo. A distribución realizarase ao longo da xornada nos centros educativos, sanitarios, farmacias e dependencias públicas da localidade.
Tamén se premiou o mellor lema, que recaeu en Lucas Iglesias Amor, alumno do mesmo ciclo, coa mensaxe: “A prevención non se ve… pero protéxete”.
A entrega de galardóns celebrouse no IES Monte Castelo coa presenza do concelleiro de Xustiza Social e da traballadora social da unidade. Coincidindo coa campaña, o concelleiro Mario Pillado subliñou que a prevención “non debe limitarse a un único día” e recalcou a importancia de que a mocidade coñeza as vías de contaxio, prevención e tratamento, ao tempo que a información contribúa a derrubar estigmas e favorecer a integración das persoas portadoras do VIH.