Burela reforza a limpeza e a vixilancia urbana durante o verán cun chamamento ao civismo

O Concello de Burela vén de emitir dous bandos municipais co obxectivo de preservar a hixiene, a seguridade e o bo estado do espazo público durante a tempada estival, un período no que a chegada masiva de visitantes incrementa o volume de residuos nas rúas e pode favorecer situacións de insalubridade. A administración local apela ao compromiso da veciñanza e das persoas visitantes para manter a vila limpa e respectar as normativas vixentes.
Un dos bandos céntrase na obrigatoriedade de manter en boas condicións as parcelas urbanas e urbanizables. As persoas propietarias destes terreos deben garantir que se atopen libres de lixo e en estado axeitado de salubridade, hixiene, accesibilidade e ornato. Isto implica a realización de tarefas de limpeza e rozado da vexetación, evitando a proliferación de maleza que poida invadir a vía pública ou representar un risco de incendio ou inundación.
Ademais, deben eliminarse certas especies vexetais sinaladas pola normativa autonómica como perigosas, como eucaliptos, piñeiros, acacias, toxos ou silvas. Para levar a cabo estas actuacións é imprescindible comunicar previamente os traballos ao Concello, e cando os terreos estean suxeitos a protección especial, será necesaria tamén autorización das administracións competentes. En caso de incumprimento, poderanse impoñer multas de ata 6.000 euros ou executar as actuacións de forma subsidiaria, a cargo da persoa propietaria.
O segundo bando céntrase na xestión axeitada dos residuos sólidos urbanos. O Concello lembra que está terminantemente prohibido abandonar lixo na vía pública, deixar bolsas fóra dos contedores ou empregar papeleiras para residuos voluminosos. As bolsas deben depositarse sempre pechadas e no interior do colector correspondente. No caso da hostalería, recoméndase o uso de dobre bolsa para evitar roturas e derrames.
Tamén se establece un horario concreto para sacar o lixo doméstico: entre as 20:00 e as 00:00 horas. Como os sábados non hai servizo de recollida por estar a planta pechada, recoméndase non deixar lixo ese día, senón agardar ao domingo pola noite. Os residuos voluminosos como mobles ou electrodomésticos non deben depositarse nos colectores e deben entregarse no punto limpo ou comunicarse previamente mediante o teléfono habilitado.
O punto limpo funciona de luns a venres en horario de tarde e os sábados pola mañá. Ademais, o Concello dispón dun punto limpo móbil que se instala periodicamente en diferentes lugares da vila, segundo un calendario establecido.
As infraccións relacionadas coa xestión de residuos poderán sancionarse con multas de entre 100 e 3.000 euros, segundo a gravidade. O Concello anima á cidadanía a denunciar calquera comportamento incívico ou vertido ilegal, ben presencialmente ou por escrito, achegando a información necesaria para a súa comprobación.
Tamén se insiste na responsabilidade das persoas propietarias de animais domésticos. En caso de que as mascotas defequen na vía pública, a persoa responsable debe recoller os excrementos e limpar a zona, portando bolsas para tal fin. O incumprimento destas obrigas poderá ser tamén sancionado.
Finalmente, o Concello anunciou que reforzará durante os meses de verán a capacidade dos contedores nas zonas máis concorridas, co obxectivo de evitar desbordamentos e cheiros desagradables.
Desde o consistorio burelao insisten en que a colaboración cidadá e o respecto ao espazo común son claves para manter unha vila limpa, segura e acolledora para quen vive nela e para quen a visita.