Burela recupera pasos de peóns en Arcadio Pardiñas para mellorar a seguridade e apoiar o comercio

AMariñaXa
O Concello instalará dous pasos elevados, limitará a velocidade e creará unha zona azul gratuíta con tempo controlado diante da farmacia
Burela-pasos-peons-arcadio-pardinas-2025
16 Jul 2025

O Concello de Burela anunciou unha actuación clave para a mobilidade urbana na Avenida Arcadio Pardiñas, coa recuperación de dous pasos de peóns que foran eliminados anos atrás. A intervención, prevista para os vindeiros meses, responde a unha reclamación histórica da veciñanza e do comercio local, que leva tempo demandando máis seguridade e accesibilidade nesta vía principal da vila.

Un dos novos pasos non se situará exactamente no punto orixinal, pero si moi próximo, respectando o uso habitual dos viandantes. "A realidade é que a xente segue cruzando por alí de forma natural, así que é hora de adaptarnos", sinalan desde o goberno local. Esta petición foi unha das máis repetidas durante a elaboración do Plan de Mobilidade.

Os pasos serán elevados, co obxectivo de reducir a velocidade dos vehículos e priorizar a seguridade das persoas. Ademais, o proxecto inclúe a implantación dun espazo "Bica e Arrinca" diante da farmacia, pensado para paradas rápidas, así como a creación dunha zona azul de estacionamento gratuíto con tempo limitado, que permitirá maior rotación de vehículos, facilitará a carga e descarga de mercadorías e beneficiará ao comercio de proximidade.

Fóra do horario comercial, a nova zona azul quedará libre de restricións, permitindo o estacionamento sen límite de tempo para residentes e visitantes.

Dende o Concello destacan que esta actuación forma parte do proceso de transformación urbana que se está levando a cabo en Burela, “apostando por unha vila máis accesible, cómoda e centrada nas persoas”.

⚙ Configurar cookies
0.1619861125946