Burela recupera o Torneo de Fútbol Praia Urbana
O Concello de Burela presenta o seu Torneo de Fútbol Praia Urbana, organizado xunto á Sociedade Deportiva Burela, que terá lugar os días 10 e 11 de xullo. As inscricións presenciais no evento serán o propio día 10 de xullo, mércores, a partir das 19.00, e a competición comezará ás 19.30. Haberá categorías Sub 10, Sub 12, Sub 14 e Sub 16.
“Estamos encantados de recuperar un evento como o torneo de fútbol praia, que todos os membros da directiva da SD Burela desfrutamos cando éramos pequenos e que agora poderán volver a desfrutar os nenos e nenas de Burela” sinala o presidente e xogador do club Jairo Campo. Esta competición fai parte da programación deportiva de verán do Concello de Burela, que inclúe tamén torneos de fútbol 3x3, básket 3x3, o programa Verán Burela ou a Carreira Burelabonita.
A alcaldesa Carmela López destaca que “dende todas as áreas municipais se está a traballar nunha programación de verán para todos os gustos, que encha Burela de actividades de todo tipo”. Por outra banda, o concelleiro de deportes, Carlos Méndez Pena, sinalou que “a recuperación deste tradicional evento servirá para seguir promocionando o deporte e un estilo de vida saudable entre a mocidade e toda a veciñanza”.