Burela recoñece o talento infantil e xuvenil nos certames culturais de Nadal 2025

O Concello de Burela, a través da Biblioteca Pública Municipal, fixo públicos os nomes das persoas premiadas no Concurso de Postais e no Certame de Poesía Infantil “Nadal 2025”, dúas propostas culturais consolidadas que se desenvolven cada ano coincidindo coas festas do Nadal e que están dirixidas á infancia e á mocidade do municipio.
No Concurso de Postais, o xurado destacou a creatividade e a orixinalidade dos traballos presentados nas distintas categorías educativas. En Educación Infantil, o primeiro premio foi para Erea Fontenla Suárez, do CEIP Vista Alegre, mentres que o segundo e terceiro recaeron en Mara Blanco Ramos, do CEIP Cervo, e Icia Arranz Varela, tamén do CEIP Vista Alegre.
Na categoría correspondente a 1º e 2º de Primaria, o primeiro premio foi concedido a Naia Fontenla Suárez, do CEIP Vista Alegre. O segundo posto foi para Martina Cociña Lestao e o terceiro para Manuela Bruno Oliveira, ambas alumnas do CEIP Os Castros. En 3º e 4º de Primaria, o xurado outorgou o primeiro premio a Teo Domínguez García, do CEIP Vista Alegre; o segundo a Alejandro Diéguez Ruiz, do CEIP Fondo Nois; e o terceiro a Helena Turcu, do CEIP Os Castros.
Finalmente, na categoría de 5º e 6º de Primaria, o primeiro premio recaeu en Pedro Cociña Lestao, mentres que o segundo e terceiro foron para Elsa Pernas Otero e Milton Gomes Martins, respectivamente, todo o alumnado pertencente ao CEIP Os Castros.
No que respecta ao Certame de Poesía Infantil “Nadal 2025”, na categoría A, destinada a nenos e nenas de ata oito anos, o primeiro premio foi para Naia Fontenla Suárez e o segundo para Lidia Ares Fernández, ambas do CEIP Vista Alegre. Na categoría B, de nove a once anos, o xurado proclamou gañador a Teo Domínguez García, mentres que o segundo e terceiro premios foron para José M.ª García Fra e Sara López Pena, tamén do CEIP Vista Alegre.
Na categoría C, dirixida a participantes de entre doce e dezaseis anos, o primeiro premio correspondeu a Jimena García Fra, o segundo a Jaume Fernández López e o terceiro a Carlota Eimil Ramos, alumnado do IES Monte Castelo.
A entrega de premios dos dous certames celebrarase o mércores 28 de xaneiro, ás 19.00 horas, na Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela. Ademais, os poemas galardoados nesta fase local pasarán a competir na fase provincial do certame, organizada pola Biblioteca Pública de Lugo co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Os textos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública de Lugo, que se reserva os dereitos de publicación e incluirá as composicións seleccionadas nun libriño conmemorativo de edición anual.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, felicitou ás persoas premiadas e a todo o alumnado participante, poñendo en valor “a creatividade e a elevada calidade dos traballos presentados” e subliñando que “este tipo de iniciativas fortalecen o compromiso do Concello de Burela coa promoción da lectura, da escrita e das expresións artísticas desde idades temperás”.